Xinzo de Limia

Xinzo desfrutará este venres do concerto de Nadal do alumnado do Conservatorio

O auditorio da Casa da Cultura será o espazo que acolla este xa tradicional certame no que os alumnos e alumnas mostran ao público o resultado do seu traballo e esforzo.

CONSERVATORIO DE MÚSICA CARTAZ NADAL 2018
CONSERVATORIO DE MÚSICA CARTAZ NADAL 2018

Xa case estamos nos días de Nadal e, ao igual que todos os anos, o alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia festexarao con música para toda a veciñanza. Será este venres, día 21 de decembro, cando os rapaces e rapazas terán a oportunidade de lle amosar ás familias e a toda a cidadanía de Xinzo, o resultado do seu esforzo e traballo durante o primeiro trimestre do curso académico.

Os rapaces xa levan varias semanas preparando as súas actuacións con toda a súa ilusión, estudando e ensaiando horas extra, pero esta semana é a recta final”, afirman dende a institución académica. En efecto, son estes días intensos de remate de avaliación onde terán os ensaios xerais para que o vindeiro venres todo saia perfecto.

No concertó, os máis cativos –de Música e Movemento e Iniciación musical– darán a benvida ao publico e iniciarán o concerto acompañados polos alumnos de 1º de Grao Elemental e unha representación de todos os instrumentos musicais que se ensinan no centro da capital limiá. Este comezo será coa peza Somos el mundo de Jackson Richie. A continuación, unha selección de obras clásicas de compositores tales como  Bach, Chopin ou Faurè –entre as cales soarán tamén algunhas panxoliñas tradicionais, populares e máis contemporáneas– encherán o salón de actos da Casa da Cultura da mellor música clásica nas talentosas mans dos nosos alumnos.

A entrada ao concertó é de balde até completar aforo.