Xinzo de Limia

O 14 volve a feira: so produtos agrícolas e gandeiros e con todos os postos acoutados na explanada do Toural

mercados
Normas feira.

O próxima xoves, día 14, volverá a feira a Xinzo, aínda que dun xeito limitado como consecuencia da fase da desescalada na que nos atopamos.

Tal e como estableceu a Xunta de Galicia, nesta primeira feira despois da declaración do Estado de Alarma so se poderán vender produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros.

Os postos instalaranse todos na explanada do Toural, nun recinto acoutado para a ocasión con valos e entrada e saída por dous lados. O resto de postos habituais nas feiras de Xinzo terán que esperar a próximas fases da desescalada para volver, atendendo sempre as indicacións das autoridades sanitarias.

A última feira que tivo lugar en Xinzo, aínda en condicións de total normalidade, foi a do 27 de febreiro, suspendéndose todas as seguintes tras a declaración do Estado de Alarma.

Nesta primeira feira, axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil ocuparanse de velar polo cumprimento das normas sanitarias, especialmente no relativo á distancia mínima persoal, evitando calquera contacto social que non teña por obxecto a compravenda e regulando o acceso se fora necesario para evitar aglomeracións.

Ademais, repartirán mascarillas e ofrecerán xel desinfectante ás persoas que accedan ao recinto valado. Así mesmo, tamén se recomenda aos vendedores (que teñen a obriga de usar luvas) que poñan a disposición dos clientes tanto luvas como xel.

En canto aos postos, estarán separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación de 4 metros nos laterais. Dentro de cada posto, os vendedores deberán gardar entre si e como mínimo unha distancia de 2 metros. Cando non sexa posible, so poderá haber un en cada posto.