Xinzo de Limia

Os alumnos de xardinería e albanelería do Obradoiro na Vía da Prata saen a rúa tras completar a súa formación teórica

Despois das horas de teoría é a hora de demostrar todo o aprendido sobre o terreo. Os alumnos do Obradoiro de Emprego na Vía da Prata saíron á rúa para levar a cabo as actuacións previstas e que mellorarán a imaxe do concello. Nos últimos días, os traballadores encheron de vida distintos recunchos. Son destacables as labores que realizaron no parque do Pombal, coa plantación de distintas especies neste espazo que será tamén un dos puntos neurálxicos da vila nesta época festiva. Nas inmediacións da zona de xogos instaláronse as casetas de Nadal e a iluminación que está a espertar gran expectación entre veciños e visitantes. O concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad, comprobou sobre o terreo o desenvolvemento dos traballos e destacou a importancia do obradoiro na formación dos alumnos.

Nas próximas semanas, o traballo dos participantes nos dous módulos –oito dedícanse ás labores de albanelería e outros tantos a xardinería- será aínda máis palpable. Está previsto que se leven a cabo actuacións de mellora da pavimentación e accesibilidade no Camiño.

A obra máis agradada será a rehabilitación dunha área degradada para convertela en parque urbano. Este espazo emprázase á beira do río Limia, ao lado do parque da Seara e a estrada de Baltar. Cómpre destacar que nesta antiga escombreira proxéctanse obras para a construción dun novo servizo de esparcemento dos peregrinos e unha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre, ademais da creación dun novo xardín.

Unha aposta pola igualdade

Non só por revalorizar o Camiño ao seu paso por Xinzo e Sandiás será un exemplo o Obradoiro de Emprego na Vía da Prata. Dos 16 alumnos-traballadores que participarán na iniciativa, 14 son mulleres, polo que quedará demostrado que as mulleres e os homes están igualmente preparados para todas as profesións.

Neste sentido, cómpre destacar que para dirimir os posibles empates nas puntuacións finais entre dúas ou máis persoas candidatas estableceuse, por orde de prelación os seguintes criterios: muller vítima de violencia de xénero, mulleres, persoas de 45 ou máis anos, por idade (18-29 anos) e os aspirantes de entre 30-44 anos.

Favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas de 18 ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral é o obxectivo do Obradoiro de Emprego na Vía da Prata. Xinzo e Sandiás uniron as súas forzas para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnos traballadores durante un período de tempo de nove meses. En concreto, son oito traballadores dedicados á albanelería e outros tantos á xardinería.

A subvención da Xunta ascende a 277.556 euros. Ambos concellos deberán financiar o 100 % das actuacións que se realicen no seu territorio, se ben a subvención da Xunta de Galicia corresponderase co custo salarial dos 16 alumnos.