Xinzo de Limia

A aposta do Concello de Xinzo polas actividades saudables e deportivas tradúcese nun recórd de 700 inscritos cando o prazo de inscrición aínda está aberto

Segue aumentando o interese dos veciños e veciñas de Xinzo de Limia polas actividades saudables que oferta o Concello a través dos diferentes clubs e asociacións. Nesta nova etapa, xa son 700 os inscritos, unha cifra récord que non se alcanzaba nin na época anterior á pandemia. A ampla oferta de disciplinas, máis aló do fútbol e do baloncesto, está animando á cidadanía a participar. Así, crece o interese polas artes marciais e a ximnasia rítmica, entre outras propostas. Para os máis pequenos ofrécese bádminton, atletismo, natación, capoeira, tenis, karate, educación física de base, ximnasia rítmica, zumba ou capoeira , ademais do fútbol e baloncesto.

Si ademais temos en conta os usuarios da piscina climatiza, estaríamos a falar de outras 750 persoas que a utilizan de xeito regular.

A día de hoxe, con relación ás actividades deportivas e saudables, son 245 os inscritos na categoría base de fútbol sala das E.D.C. Xinzo; 170 nas categorías sénior e base da A.B. Xinzo; 70 na categoría sénior e base do Antela F.C.; 50 en ximnasia rítmica e outro medio cento en atletismo; 40 en kárate; 25 na categoría sénior do Piñeira F.C.; 20 en capoeira e outros tantos en tenis.

O prazo continúa aberto naquelas disciplinas que aínda teñen dispoñibilidade. Os interesados en inscribirse nas actividades poderán facelo a través do enlace que se está a difundir nas redes sociais do Concello ou escaneando o código QR dos carteis informativos. Neles detállase a idade dos nenos á que se dirixe cada actividade e incluso preséntanse outras para adultos.

Para todas as idades

As propostas saudables do Concello de Xinzo de Limia van máis aló do deporte e están pensadas para todas as idades. Así, cómpre lembrar que o executivo estenderá os obradoiros de memoria ao maior número de pobos debido ao éxito de participación. Esta iniciativa trata de frear o deterioro cognitivo dos maiores e xa se comezou a desenvolver en Morgade despois de pasar por Lamas, Ganade e Parada de Ribeira.

A intención do executivo e estendelo ao maior número de localidades posible en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense. Ademais, estanse a programar novas actividades destinadas aos maiores como a ximnasia de mantemento e o baile.

Tamén durante o verán, leváronse a cabo iniciativas como o Xinzo Fit, na que a saúde e o deporte se uniron.