Xinzo de Limia

O Concello aposta por unha cabalgata de Reis estática no pavillón de deportes para garantir a seguridade sanitaria

A cabalgata de Reis de Xinzo de Limia será estática para garantir as medidas de seguridade sanitaria. A incidencia do covid-19 na vila e en toda Galicia obrigou ao Concello a establecer un plan B que permitirá manter a ilusión dos pequenos minimizando ao máximo o risco de contaxios. Así, os Magos de Oriente recibirán aos nenos no pavillón municipal de deportes a partir das 18.00 horas.

Aínda que nun primeiro momento pensouse nun percorrido tradicional polas rúas co pavillón de deportes como punto de partida da cabalgata, finalmente o executivo local apostou por esta fórmula que permitirá evitar as aglomeracións ao mesmo tempo que mantén viva a emoción dos máis pequenos da casa.

Os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas nestas instalacións deportivas a partir das 18.00 horas. Establecerase unha entrada gradual, con uso obrigatorio de máscara, limpeza de mans e control de temperatura. Ademais, será imprescindible que os adultos presenten o certificado de vacinación para acceder. Os nenos e nenas poderán compartir os seus desexos cos Magos de Oriente como é tradición, iso si, mantendo a distancia de seguridade.

A cabalgata estática de Reis será un dos pratos fortes da programación de Nadal que elaborou o Concello de Xinzo de Limia con moito mimo. O executivo local considera que, este ano máis que nunca, os pequenos necesitan recuperar a ilusión destas datas, ao igual que todo o pobo. Foron moitas as propostas culturais que se sucederon nos últimos días e a decoración que se estende pola vila e o rural. Cómpre destacar a expectación que causa o tren do filme “Polar Express”, emprazado na Praza Maior, ademais das casetas de Nadal e a ornamentación do Pombal ou da Praza dos Ovos e Bispo Cesáreo.

Ata o día 7 permanecerá aberta a veciños e visitantes a pista de patinaxe sobre xeo e o Mercado de Artesanía. Poderá accederse, de luns a venres, en horario de 16.00 a 21.00 horas, mentres que os festivos o horario estenderase tamén de 12.00 a 14.00 horas.