Xinzo de Limia

O Concello aproba un cambio urbanístico para facilitar a construción de vivendas no rural e a expansión dos núcleos

Ganade
Ganade

Flexibilizar a norma urbanística, axustándoa ás demandas dos veciños,  para favorecer a construción de vivendas unifamiliares no rural e a expansión dos núcleo. Este é o obxectivo do executivo local de Xinzo de Limia, que prevé aprobar no pleno de mañá a modificación das aliñacións nunha área delimitada no solo de núcleo rural de extensión de Ganade, tal e como previamente fixera en Morgade e Baronzás. A medida conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio e co acordo previo da Xunta de Goberno Local.

Mediante a aprobación definitiva na sesión plenaria do estudo de detalle, preténdese exclusivamente a modificación das aliñacións establecidas na ordenanza 13 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Xinzo para o Solo de Núcleo Rural de extensión, quedando extinguida a suspensión de licenzas. Máis en concreto, suprímese a aliñación oficial fixada de 3 metros da liña de cerramento na fronte da parcela e establécese un recuamento mínimo de 3 metros respecto da liña de cerramento. Ademais, suprímese o fondo máximo edificable establecido en 14 metros, que non tería sentido por tratarse dunha tipoloxía edificatoria de vivenda familiar onde non se persegue a uniformidade. Manteranse os recuamentos esixibles a lindes laterais e posterior (3 metros) e non se modifican os parámetros xa establecidos de ocupación (25 %) e de edificabilidade.

Cómpre destacar que a proposta chegou á Xunta de Goberno Local despois do informe favorable emitido polo técnico municipal e no que se conclúe que o área do estudo de detalle non ten afección sectoriais e que o estudo de detalle considérase suficiente e compatible coa normativa urbanística en vigor, e tras a recepción da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Na sesión plenaria de mañá tamén se prevén aprobar os festivos locais do 2022, que serán o martes de Entroido e o 18 de xullo, día da patroa, Santa Mariña. A sesión comezará á unha da tarde e se admite a participación a distancia dos concelleiros. Os cidadáns poderán seguilo en directo a través da páxina de Facebook. Na orde do día tamén se inclúen os expedientes para a ratificación da aceptación das sete subvencións concedida polo Goberno central para a substitución de  4.610 luminarias vellas do concello por outras con tecnoloxía LED, co que se prevé aforrar un 70% dos case 258.500 euros da factura da luz anual.

Ademais, se debaterán tres mocións do Partido Popular en relación á asignación de recursos do programa Next Generation para as iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sostible en concellos de menos de 50.000 habitantes; o apoio ao Xacobeo 2022-2022 e á baixada do prezo da electricidade.

Tamén está prevista a aprobación definitiva da conta xeral do 2020

 

 

 

 

 

.