Xinzo de Limia

O Concello aproba a cesión dun tramo da rúa Curros Enríquez para mellorar as beirarrúas

pleno
pleno

Foi un pleno no que os bos desexos para este Nadal sucedéronse entre os membros da Corporación. Tamén o chamamento á prudencia, para poder comezar un novo ano con saúde nun momento no que a pandemia volve a activar todas as alarmas. A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio en recordo do exalcalde Ramón de la Fuente, despois de que se decretase loito oficial durante tres días do pasado mes de novembro.

Un dos acordos máis relevantes, que saíu adiante por unanimidade, foi a aprobación do expediente para a cesión, por parte da Deputación de Ourense, dun tramo da rúa Curros Enríquez para poder levar a cabo o arranxo das beirarrúas. En concreto, trátase dunha superficie de 300 metros dende o cruce coa rúa San Sebastián ata o de Marcelo Macías. A reparación levarase a cabo na marxe esquerda en dirección a Baronzás.

Tamén por unanimidade saíron adiante as mocións para solicitar á Real Academia Galega a dedicación das Letras Galegas de 2023 a Antón Tovar e a proposta para iniciar os tramites para nomear fillo predilecto a título póstumo a Eloy Conde. En relación a este último recoñecemento, o concelleiro de Facenda, Manuel Pérez Campos, interveu para subliñar que todo o que fagamos en relación a súa figura será pouco en relación ao que fixo el polo fútbol no noso concello”.

Coa abstención do Partido Popular saíron adiante a ratificación dos convenios coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o proxecto de demolición da presa de Gudín no río Faramontaos e o relativo ás actuacións de infraestruturas hidráulicas asociadas ao Mosteiro do Bon Xesús. A alcaldesa, Elvira Lama, recalcou que estas son obras que non se poderían levar a cabo con recursos propios e que“buscar financiación noutras administracións é unha labor tamén moi importante do goberno local”.

Co acordo de todos os grupos tamén se aprobou o expediente de preaviso de prórroga do contrato de subministro de electricidade en alta e baixa tensión a través da Central de Contratación da FEMP.