Xinzo de Limia

O Concello comeza as obras para substituír e reparar ao redor de 800 lousas no casco vello, en moi mal estado polo constante tráfico de vehículos

lousas
lousas

O casco histórico de Xinzo de Limia mellorará a súa imaxe ás portas do verán. Hoxe comezaron as obras para a substitución e reparación de arredor de 800 lousas en seis rúas que precisan unha actuación urxente non só para embelecer o corazón da vila, senón para minimizar os riscos de caídas e lesións dos veciños e visitantes que por el transitan. Os operarios xa traballan na Rúa do Peto e está previsto que as obras se prolonguen pola Praza e Rúa San Roque e a zona dos Viños, concretamente polas rúas Lepanto, Constitución, Galicia e Santa Mariña. A alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, percorreron esta mañá o casco vello para supervisar os traballos.

A orografía do terreo e a pouca resistencia do firme provoca as roturas das lousas, que xa foron obxecto de melloras nos últimos anos. As obras que acaban de comezar son unha necesidade urxente pola demora da subvención do Plan Hurbe. Cómpre destacar que o proxecto presentado á Xunta de Galicia dentro do denominado Plan Hurbe pretende a rehumanización do casco histórico, comezando, precisamente, polas rúas principais: Galicia, Lepanto e Constitución. A inversión contemplada é de 350.000 euros, dos que a Administración autonómica aportaría o 70 %.

Á espera de que a Consellería de Medio Ambiente dea luz verde á axuda solicitada e se poida levar a cabo unha actuación máis completa, o executivo local comezou os traballos, que contan cun presuposto de 47.295 euros.

Aínda que o prazo de execución da obra é de tres meses, o Concello confía en que os resultados poidan verse nas próximas semanas e que a maior parte das obras rematen antes da chegada do verán.

A actuación para a substitución e reparación de cerca de 800 lousas do casco vello de Xinzo de Limia tratará de revitalizar o sector económico da vila, potenciando o pequeno comercio que se estende pola zona, na que hai dende tendas familiares ata despachos profesionais e establecementos de hostalería.

Nova iluminación e mobiliario urbano

A transformación total do casco histórico producirase co ansiado Plan Hurbe, no que se prevé levantar a liña central de pedra das rúas e aplicar un material de achega compactado. Colocaranse, do mesmo xeito, laxas pétreas recuperadas e lastras. Ademais, substituiranse as luminarias e eliminarase o cableado.

Tal e como se contempla neste proxecto que está a espera de subvención, instalarase novo mobiliario urbano, concretamente, bancos, xardineiras e novas papeleiras.