Xinzo de Limia

O Concello contrata a 5 persoas en risco de exclusión para reforzar os traballos de limpeza e favorecer a inclusión social

contratación
contratación

O Concello de Xinzo de Limia vén de formalizar a contratación de cinco persoas en risco de exclusión social, todas elas perceptoras da Renta de Inclusión Social de Galicia (Risga). Os traballadores incorporáronse ás brigadas municipais á semana pasada e xa realizaron tarefas de limpeza o sábado despois da feira, a máis importante do ano en canto ao número de visitantes. Está previsto que desempeñen as súas funcións por un período de tempo de nove meses. O executivo local destaca a importancia da contratación para favorecer a inclusión social, reforzando os servizos existentes e contribuíndo tamén a paliar a crise económica que moitas familias viven na actualidade por mor da pandemia.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, deu a benvida aos traballadores o pasado venres no salón de plenos do Concello e animoulles a levar a cabo as súas tarefas con ilusión e esforzo. Neste encontro estivo acompañada do concelleiro de Obras, Ramón Gómez, e do de Infraestruturas, Rafa Penabad.

Tamén co fin de reforzar a limpeza de todo o pobo, e de forma paralela, o Concello de Xinzo realizou a contratación dun servizo complementario de 4.500 horas ao ano. O municipio non dispón de efectivos suficientes para acometer os traballos de hixienización, existindo limitacións legais nas leis de Orzamentos Xerais do Estado para a contratación de persoal fixo. Ademais, en datas puntuais como Entroido, Esquecemento, Semana Santa o festas de Santa Mariña será preciso realizar limpezas extraordinarias.