Xinzo de Limia

O Concello contrata a 5 persoas en situación de vulnerabilidade para reforzar os traballos de limpeza e xardinería e favorecer a inclusión social

Risga
Risga

O Concello de Xinzo de Limia vén de formalizar a contratación de cinco persoas en risco de exclusión social, todas elas perceptoras da Renta de Inclusión Social de Galicia (Risga). Con esta iniciativa cumpriranse dous obxectivos: mellorar o entorno urbano e favorecer a inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade.

As traballadoras, contratadas a través da modalidade vinculada a programas de activación para o emprego da Xunta de Galicia, colaborarán na rexeneración de espazos verdes e zonas libres de uso público mediante a realización de labores sinxelas de limpeza e xardinería, así como de instalación, reposición e reparación de elementos de mobiliario urbano. Está previsto que desempeñen as súas funcións por un período de tempo de nove meses.

Dende o executivo local destácase que a través deste procedemento de contratación proporanse melloras na calidade de vida dos cidadáns mediante o acondicionamento de espazos do entorno urbano, promovendo a inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade. A intención é ofrecer oportunidades de formación, ao mesmo tempo que se contribúe a mellorar a imaxe que presentan algúns espazos de Xinzo de Limia e se conciencia á sociedade da necesidade de coidar os espazos públicos.