Xinzo de Limia

O Concello entrega 60 árbores ás Anpas dos dous CEIPs de Xinzo para prantar con motivo do Día da Árbore

Hoxe, 21 de marzo, Dia da Árbore.
Concelleiro e técnico observan unha das árbores avaliadas
Rafa Penabad e un técnico examinando unha das árbores do concello.

Con motivo do Día Mundial da Árbore, que se celebra hoxe, o Concello de Xinzo entregará ás ANPAS dos colexios Rosalía de Castro e Carlos Casares 60 exemplares de árbores autóctonas para que logo sexan sorteadas entre o alumnado de ambos centros para a súa plantación.

Con este xesto simbólico, o Concello, xunto cos pais e nais e os centros educativos, buscan sensibilizar ao alumnado sobre a importancia das árbores, ademais de ofrecerlles a posibilidade de plantar unha e poder facer un seguimento ao seu crecemento. A proposta de plantar máis árbores partiu dos propios escolares.

Segundo goberno local, despois deste duro ano de pandemia, adquirimos unha especial conciencia da imperiosa necesidade de protexer e preservar o medio natural, especialmente desde idades temperás e a través da educación.

Esta iniciativa con motivo do Día Mundial da Árbore, que se conmemora hoxe, día 21 de marzo, súmase ao traballo de saneamento e plantación de novas árbores nos espazos públicos do termo municipal, encargado tamén polo Concello a un doutor en investigación agraria e a unha enxeñeira  forestal e que comezou por un exhaustivo estudo da saúde das distintas especies arbóreas do municipio.

Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo de profesionais nesta materia, acometeranse as accións de saneamento e mantemento das distintas especies, despois de anos e anos sen asesoramento especializado.