Xinzo de Limia

O Concello instala dez sinais de “tráfico” contra a violencia de xénero en lugares concorridos da vila e nos accesos

sinais
sinais

O Concello de Xinzo de Limia quere poñer freo á violencia de xénero. Con este obxectivo instalou sinais de “tráfico” en oito puntos claves  e está previsto continuar nos dous accesos pola N-525. A Casa Consistorial, a entrada ao centro de saúde ou os centros educativos foron algúns dos lugares escollidos para a colocación dos indicadores verticais. Tamén na estación de autobuses, na parada de buses situada fronte ao Villasana, na Praza Maior o na Carlos Casares. Nestes casos as sinais teñen a forma hexagonal da sinal de stop e aportan, ademais, o número de teléfono ao que chamar en caso de ser vítima de violencia de xénero.

Tamén se instalarán sinais de formato rectangular nos accesos á vila pola N-525 coa inscrición “Concello comprometido contra a violencia de xénero”, que acompañarán a indicación “Xinzo de Limia”.

No mes de novembro, cando se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Xinzo anunciou esta actuación para evitar que esta loita se esqueza unha vez que o 25 N pasa no calendario. As sinais agora instaladas, similares ás que regulan o tráfico, contribuirán a manter viva unha loita que busca a implicación de todos o cidadáns na denuncia deste tipo de violencia.

A alcaldesa, Elvira Lama, destacou a importancia desta iniciativa a prol da concienciación social: “A violencia de xénero é un problema social grave, que está presente na sociedade, todos os días a calquera hora. Estas sinais a modo de alerta servirán de axuda para as mulleres que as necesiten, e  para que cada día tomemos conciencia de que ningunha  muller estamos libres de sufrir este tipo de violencia machista.

Despois dun mes de novembro repleto de actos reivindicativos, como unha andaina en colaboración co GDR Limia-Arnoia baixo o lema “Non peches os ollos” ou a representación teatral de “Invisibles”, o Concello de Xinzo sigue apostando por educar dende a igualdade para erradicar esta lacra social.

Co obxectivo de que os máis novos saiban identificar os diferentes tipos de violencia de xénero e poidan así denuncialos, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller, levouse a cabo unha campaña de prevención nos IES da vila. Déronse a coñecer aos estudantes os recursos e ferramentas que existen ao dispor das mulleres que sofren violencia de xénero ou daquelas persoas que sexan coñecedoras doutras que estean pasando por esa situación.

Tamén no CEIP Carlos Casares e no CEIP Rosalía de Castro, programáronse charlas e dinámicas encamiñadas a sensibilizar a nenos e nenas na importancia de identificar e detectar actitudes e comportamentos que implican violencias machistas, co obxectivo de previr estes casos.