Xinzo de Limia

O Concello lanza unha campaña e un decálogo para optimizar o depósito de residuos nas rúas

campaña
campaña

O Concello de Xinzo de Limia plantará cara ao lixo nas rúas. Consciente de que a información é a base das conductas cívicas, o executivo local está a elaborar un decálogo de boas prácticas para optimizar o depósito de residuos nas contedores, ademais dunha campaña para concienciar á cidadanía. Aínda que xa se conta cunha ordenanza de boas prácticas veciñais que contempla horarios para deixar o lixo, entre outras indicacións, as rúas non sempre locen libres de sucidade, polo que con esta media se pretende cambiar esta imaxe.

O documento no que xa se está a traballar inclúe recomendacións sobre o uso dos contedores, fomentando a reciclaxe e ofrecendo información sobre a mellor forma de separar os residuos. Do mesmo xeito, recordarase que existen recipientes específicos para pilas ou roupa, ademais da dirección ou o contacto do Punto Limpo. Cómpre destacar que acábase de activar un novo número de teléfono para solicitar a retirada de voluminosos e nas redes sociais do Concello estase a informar sobre os horarios e os días nos que se poden depositar este tipo de residuos nestas instalacións. Será os mércores e xoves de 17.00 horas a 19.00 horas e o sábado de 10.00 a 14.00 horas.

O executivo local pide aos veciños a súa colaboración para que os diferentes aveños ou mobles non se deixen ao carón dos contedores, porque o servizo de recollida de lixo non ten a obrigación de recollelos. Cada contedor ten unha fracción resto para a súa recollida selectiva e todo o que non estea no seu interior non se considera entregado ao xestor dos residuos.

Atendendo á ordenanza existente sobre a limpeza da vía pública e recollida de lixo, recórdase que os residuos domésticos, orgánicos ou degradables e non líquidos deben ser depositados en bolsas herméticas pechadas que introducirá o usuario dentro do colector máis próximo ao seu domicilio, nunca antes das 20.00 horas nin despois das 7.00 horas. De estar o colector saturado, deberá depositarse no máis próximo. Os demais residuos non degradables, tales como envases de vidro, envases lixeiros, papeis e cartóns depositaranse nos contedores destinados a cada material.

Tamén cómpre recordar que está prohibido o desprazamento dos colectores do lugar asignado pola administración local.  Tampouco está permitido o estacionamento de vehículos en lugares que dificulten ou impidan o traslado dos mesmos ou as labores de carga e descarga.