Xinzo de Limia

O Concello e Prolimia poñen en marcha a campaña “En Xinzo os premios voan”, para dinamizar o comercio local en Semana Santa

comercio
comercio

É unha campaña nunca vista. O comercio local precisa un empuxón nun momento moi complicado para as vendas. Conscientes deste feito, o Concello de Xinzo de Limia e a Asociación Prolimia colaboran nunha orixinal iniciativa que pretende dinamizar o sector nestes días de Semana Santa. “En Xinzo os premios voan” é o nome da campaña que foi presentada esta tarde na Casa Consistorial pola alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez Campos, e a presidenta da entidade comercial, Concepción Conde.

Será moi sinxelo participar. Na Praza Maior instalarase unha bola xigante na que haberá que coller os premios ao voo. Os clientes que realicen compras esta semana por un mínimo de 20 euros no comercio local poderán acceder a probar sorte e atrapar o seu premio este sábado en horario de 10.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Así o explicou Concepción Conde: “Aproveitando o tirón dos visitantes nestas datas queremos levantar as vendas. A campaña comezou hoxe e rematará o sábado, día no que  se instalará a bola xigante na Praza Maior para acceder ao seu interior durante dous minutos e atrapar os premios”. Conde agradeceu ao Concello a súa colaboración, “pois sen ela a campaña non podería levarse a cabo”.

En total, repartiranse 1.000 euros en premios, que serán vales de compra para volver a mercar no comercio local. A administración local aporta un total de 2.600 euros, mentres que Prolimia faise cargo do importe dos premios.

A rexedora, Elvira Lama, fixo un chamamento aos veciños para que participen e sigan apostando por facer as súas compras na vila: “Temos que aportar a colaboración necesaria para que a economía despegue e para favorecer o consumo local. Aínda que os hábitos mudan, tamén debemos mudar a conciencia e axuda aos nosos veciños, os comerciantes. Temos un comercio no que podemos atopar de todo”.

Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez Campos, felicitou a Prolimia pola súa implicación a favor do comercio local: “Sempre apostaremos por esta asociación tan dinámica, que sempre está pensando en que pode traballar ao día seguinte”.

Agárdase que esta orixinal campaña sexa todo un éxito, ao igual que ocorreu na que se levou a cabo no Nadal. Cómpre recordar que entón se puxeron á venda bonos de compra subvencionados polo Concello de Xinzo de Limia e unha semana bastou para que se esgotaran. Non resultou de estrañar pola atractiva oferta: Os comerciantes ofreceron un total de cinco tarxetas, cada unha delas de 10 euros. O valor dos bonos ascendeu a 50 euros, dos que a Administración local asumiu o 30%, polo que o custo real para os cidadáns foi de 35 euros.