Xinzo de Limia

O Concello substituíu e reparou 400 lousas do casco vello en menos dun mes e prevé finalizar os traballos a mediados de xullo

lousas
lousas

O casco histórico vai mudando pouco a pouco de imaxe. En menos dun mes, o Concello de Xinzo de Limia acometeu a reparación e substitución de ao redor de 400 lousas, a metade das que se encontraban deterioradas e foron contabilizadas na memoria do proxecto. Un total de seis rúas precisaban unha actuación urxente, non só para embelecer o corazón da vila, senón para minimizar os riscos de caídas e lesións dos veciños e visitantes que por el transitan. Unha vez rematados os traballos na rúa Galicia e Constitución, os operarios están a traballar no último tramo da vía Lepanto e está previsto que nos últimos días se trasladen a San Roque e o seu entorno e á Praza de Oriente.

A alcaldesa, Elvira Lama, acompañada  do concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, e do edil de Infraestruturas, Rafa Penabad, percorreron o casco vello para supervisar os traballos.

O executivo local prevé que as obras rematen a mediados do mes de xullo e unha vez que así sexa e mediante medios municipais, procederase a limpar a presión as rúas nas que se substituíron as lousas para intentar igualar o máximo posible o ton.

Cómpre recordar que a orografía do terreo e a pouca resistencia do firme provocou as roturas das lousas, que xa foron obxecto de melloras nos últimos anos. As obras que están a piques de rematar son unha necesidade urxente pola demora da subvención do Plan Hurbe. O proxecto presentado á Xunta de Galicia dentro deste plan pretende a rehumanización do casco histórico, comezando, precisamente, polas rúas principais: Galicia, Lepanto e Constitución. A inversión contemplada é de 350.000 euros, dos que a Administración autonómica aportaría o 70 %.

Á espera de que a Consellería de Medio Ambiente dea luz verde á axuda solicitada e se poida levar a cabo unha actuación máis completa, o executivo local comezou os traballos, que contan cun presuposto de 47.295 euros para a substitución de 800 lousas no casco vello. Esta actuación ten como obxectivo revitalizar o sector económico da vila, potenciando o pequeno comercio que se estende pola zona, na que hai dende tendas familiares ata despachos profesionais e establecementos de hostalería.