Xinzo de Limia

O Concello transforma tres pistas nunha circunvalación de dos quilómetros chegando a acordos con 40 propietarios

As cesións de terreo permiten dotar de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas á vía, o que posibilitará a construción de vivendas unifamiliares de excepción directa. As pistas Cepetal, Sitibal e a Travesía do Bouzo son moi utilizadas para comunicar os concellos da marxe esquerda do río Limia coa N-525 e a A-52 sen pasar polo centro da vila

WhatsApp Image 2020-06-20 at 13.04.42
Elvira Lama, Ramón Gómez e Amador Díaz, visitando as obras.

O Concello de Xinzo transformará tres pistas (Cepetal, Sitibal e Travesía do Bouzo), cun ancho de 6 metros, nunha circunvalación cun ancho total de 16 metros, con beirarrúa e aparcamento.

A reformada estrada terá unha lonxitude de case 2 quilómetros e unirá a N-525, e polo tanto a autovía A-52, coa OU-301 (estrada de Lamas). Actualmente, este itinerario é moi utilizado para evitar o centro da vila por parte dos vehículos, tanto lixeiros como pesados, que se desprazan ou proceden dos concellos da marxe esquerda do río Limia, como Baltar, Blancos ou Porqueira, entre outros da zona.

Pero ademais, esta actuación inclúe a dotación de servizos básicos de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas no tramo das pistas Cepetal e Sitibal, froito dunha intensa negociación do actual goberno con cada un dos máis de 40 titulares afectados, que accederon á cesión dos metros de fachada que lle corresponden a cada un para dotar ao viario destes servizos, o que tamén revaloriza as súas propiedades. 

Xinzo gaña así unha nova zona de expansión no seu casco urbano, pois ao tratarse dun chan cualificado como urbanizable posibilítase a construción de vivendas. 

Despois dun gran esforzo de negociación e unha ardua tarefa técnica e administrativa, as obras da reconversión destas pistas nunha circunvalación comezaron a semana pasada. O proxecto foi adxudicado á empresa ASFAVAL Técnicas Viarias S.L. por importe de 646.863 euros, sobre unha base de licitación de 912.000 euros e cun prazo de execución de 8 meses. O Estado de Alarma provocou un atraso na adxudicación, o que engadiu un novo inconveniente a un proxecto xa de por si complicado.

O proxecto, que xa está en execución, ten pouco que ver co inicial, que foi reformulado polo empeño do actual goberno local e tras o acordo cos propietarios, o que permitiu transformar o que ía ser unha pista asfaltada cunha senda peonil e sen ningún tipo de servizo, como constaba no proxecto orixinal e que nin sequera se adaptaba ao PXUM de Xinzo, nunha circunvalación importante para a comarca.

Esta obra forma parte do paquete de actuacións para mellorar a mobilidade en Xinzo e que incluía actuacións na Avenida de Madrid, na Avenida de Celanova e nas pistas de conexión da N-525 coa OU-531. Todas estas están pendentes de ser entregadas e recibidas polo Concello de Xinzo, que é o promotor das obras, en base a un orzamento total de 2,1 millóns de euros.

Con motivo do inicio das obras, a alcaldesa, Elvira Lama, e os concelleiros de Obras e Medio Rural, Ramón Gómez e Amador Díaz, desprazáronse á zona na que se están a desenrolar os traballos: “Esperamos que as obras transcorran o máis rapidamente posible para que podan ser entregadas en prazo, tal e como se comprometeu a empresa adxudicataria, e xerar as menos incomodidades posibles aos veciños, a quen lles pedimos desculpas polas molestia xa por anticipado”, sinalou a alcaldesa.

 

WhatsApp Image 2020-06-22 at 12.07.04