Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo aproba unha modificación de crédito que incrementa a inversión para novas obras en 325.000 euros

O Concello de Xinzo de Limia vén de aprobar en pleno extraordinario unha modificación de crédito por importe de 765.117 euros para poder executar actuacións inaprazables en materia de servizos, infraestruturas, ocio e cultura. Deste xeito, increméntase a inversión para novas obras en 325.000 euros, mentres que aumenta en 18.000 euros a partida para iniciativas culturais e na mesma cifra para outras de carácter deportivo. Este punto saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e da concelleira non adscrita.

A rexedora, Elvira Lama, explicou que esta modificación de crédito é necesaria pola gran cantidade de obras, servizos e axudas que se están a poñer en marcha en Xinzo. Neste sentido, destacou que esta medida cumpre a lei ao permitir o Ministerio de Facenda aos concellos incorporar superávit e remanente de tesourería: “O noso obxectivo é ofrecer aos veciños mellores infraestruturas e mellores servizos. Necesitamos recursos extra para cubrir as necesidades que reclaman”. Tamén recalcou que “existe neste goberno local un traballo incansable”.

Tamén co voto a favor do goberno local e da concelleira non adscrita  aprobouse un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 168.507 euros para o pago de facturas de gasto corrente de exercicios pechados dun total de 49.057 euros. Neses pagos están incluídas as liquidacións semestrais á Xunta de Galicia da Escola Infantil e o Centro de Día malia que estiveron pechados durante o confinamento e parte da pandemia, polo que se reclamará parte destas liquidacións polo tempo que non puideron ofrecer o seu servizo aos cidadáns.

Parcela sobrante na pista Sitibal

Por unanimidade saiu adiante o expediente de declaración de parcela sobrante na pista Sitibal, que unha vez sexa elevada a definitva procederase á segregación e allanamento directo aos propietarios lindeiros das parcelas, o que representará un ingreso patrimonial para o Concello de Xinzo de Limia que deberá ser destinado a inversión.