Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo arranxará a vía alternativa á pista Sitibal, moi deteriorada polo volume de tráfico rexistrado nos últimos meses

Sitibal
Sitibal

Soportar o tráfico rodado da pista Sitibal pasou factura á vía alternativa de Xinzo que cumpriu a súa función e agora precisa dunha actuación urxente. Trátase da Travesía de A Moreira e o Concello acometerá o arranxo do firme, moi deteriorado polo volume de vehículos que a transitaron nos últimos meses e á espera da execución do proxecto de máis de 350.000 euros no que se mellorará o acceso a varias vías do entorno. É, en concreto, un convenio entre a Deputación de Ourense, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello que se encontra na última fase de tramitación e que contempla a creación dun carril bici e unha senda peonil duns 700 metros.

Os traballos na Travesía da Moreira levaranse a cabo esta mesma semana e consistirán no bacheado provisional con aglomerado en frío. O concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, valora así a actuación: “O convenio aínda se dilatará un pouco por tratase dun proxecto a tres bandas e consideramos que o estado desta vía é grave como para agardar uns meses. Farémolo na maior brevidade posible para mellorar o tránsito e pensando nos veciños e tamén nos negocios que están na zona”.

Cómpre destacar que as pistas Cepetal e Sitibal de Xinzo locen xa como amplos viarios de 16 metros de ancho, incluídas aceiras e prazas de estacionamento. Nos últimos días, os operarios ultimaban o pintado da sinalización horizontal. Ambas vías, xunto coa travesía do Bouzo funcionarán como una circunvalación de 2 quilómetros, pois entre as tres conforman un itinerario moi utilizado para evitar o centro da vila por parte dos vehículos que se desprazan ou proceden dos concellos da marxe esquerda do río Limia, como Baltar, Blancos ou Porqueira.

Esta actuación inclúe a dotación de servizos básicos de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas no tramo das pistas Cepetal e Sitibal, froito dunha intensa negociación do actual goberno con cada un dos máis de 40 titulares afectados, que accederon á cesión dos metros de fachada que lle corresponden a cada un para dotar ao viario destes servizos, o que tamén revaloriza as súas propiedades.

Xinzo incorpora así unha nova zona de expansión e crecemento ao seu casco urbano, pois trátase dun chan urbanizable. Con esta actuación, anticípase o crecemento de Xinzo ata a zona da Moreira, onde se atopa o campo de fútbol. Despois dun gran esforzo de negociación e unha ardua tarefa técnica e administrativa, as obras da reconversión destas pistas nunha circunvalación e nunha zona de expansión urbana están próximas ao se remate, pendentes so dos últimos flocos.