Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo crea tres novos espazos para o intercambio de libros nos parques infantís do Pombal, Toural e Galicia

Trocalibros2
Trocalibros2

Só hai que seguir catro pasos para disfrutar dunha auténtica biblioteca ao aire libre en Xinzo de Limia: escoller un libro, collelo, deixar outro a cambio e gozar da lectura. A iniciativa do Concello leva por nome Trocalibros e fai unha invitación a veciños, veciñas e visitantes a compartir a paixón de ler nalgúns dos espazos públicos máis fermosos da vila. Nos últimos días colocáronse exemplares da categoría infantil e xuvenil nas casiñas instaladas para este fin e emprazadas nos parques infantís do Pombal, Toural e Galicia.

Trátase, en definitiva, de gozar dun bo libro en espazos abertos e sen que se xa necesario desprazarse á biblioteca municipal. A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, supervisou as casetas acompañada do edil de Infraestruturas, Rafa Penabad.  A rexedora prevé que a iniciativa teña unha moi boa acollida, “pois as casetas instaláronse o venres ao mediodía e pola tarde xa había nenos intercambiando libros”. A rexedora tamén recordou os obxectivos da iniciativa: “A intención é fomentar a lectura e inculcar aos máis pequenos que o que non se use pode ter outra vida. Ademais, achegamos así os libros aos nenos e nenas nunha época na que parece que se abusa das pantallas”.

Cómpre destacar que tamén estarán ao dispor dos apaixonados á lectura dúas maletas viaxeiras con literatura para todos os públicos nas piscinas exteriores de Xinzo de Limia, coincidindo coa época de verán e coas altas temperaturas que enchen este espazo de veciños, veciñas e visitantes a diario. Para empregalas e intercambiar os libros débese seguir o mesmo procedemento que nas casetas: escoller un libro, collelo, deixar outro a cambio e gozar da lectura.

Os libros que se puxeron a disposición da cidadanía foron escollidos na Casa da Cultura, buscando que esperten o interese de diferentes grupos de idade.