Xinzo de Limia

DEUSE CONTA DO PLAN DE AUTOPROTECCIÓN E DE SEGURIDADE DE CARA ÁS VINDEIRAS FESTAS DO ENTROIDO

O concello de Xinzo de Limia sitúase como un dos concellos máis seguros de Galicia

En Xinzo de Limia constátase unha diminución da delincuencia do 25% con respecto ao ano pasado.

 

IMG_20200124_103541

O Concello de Xinzo de Limia acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se realizou a análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

Antes da reunión con todos os compoñentes da Xunta Local,  Elvira Lama mantivo unha reunión no despacho da alcaldía co subdelegado e o concelleiro de Mobilidade  Moncho Gómez.

DSC_0550

No tocante á seguridade cidadá o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, manifestou que en Xinzo de Limia se constata unha diminución da delincuencia do 25% con respecto aos datos do ano anterior, destacando esta baixada tanto nos delitos contra o patrimonio como nos delitos contra as persoas, “o que sitúa a este concello como un dos máis seguros da comunidade autónoma”.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Xinzo de Limia hai activos no sistema VioGen 15 casos deste tipo (9 na categoría de risco baixo e 6 na categoría de risco non apreciado Constátase que na maioría dos casos se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

Por último, deuse conta dos plans de autoprotección  e de seguridade previstos de cara ás vindeiras festas do Entroido en función das previsións de afluencia de persoas nos diferentes actos públicos.

As reunións de hoxe nos concellos leváronse a cabo baixo a presidencia compartida do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e da Alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, acompañados pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; responsables da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil; e outros representantes do Concello.