Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo mellorou o saneamento da rúa Río Miño para evitar os cortes de luz cunha novidosa tecnoloxía de reposición de tubaxe sen gabia

Río Miño2
Río Miño2

Os continuos cortes de luz que se rexistraban na rúa Río Miño fixeron que o executivo local buscase un método que solucionase o problema de raíz. As incidencias eran constantes en época de chuvias polas filtracións ás instalacións de Naturgy. O Concello de Xinzo de Limia, a través da empresa Viaqua, concesionaria do servizo no municipio, resolveu esta situación empregando unha novidosa tecnoloxía de reposición de tubaxe sen gabia, que non ocasionou molestias aos veciños durante o tempo que se desenvolveron as obras.

O concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, asegura que precisamente este foi o motivo polo que se elixiu este método de traballo e engade: “A rede era moi antiga e producíanse filtracións, de modo que se procedeu con esta tecnoloxía ao selado dos pozos de rexistro e da tubaxe de saneamento”.

Máis en concreto, os operarios tiveron que actuar sobre 60 metros mediante este sistema de manga continua que se adapta a calquera sección, con rugosidade cero, así como un espello pulido e máis resistente que unha canalización tradicional. Para levalo a cabo, primeiro realízase unha limpeza do colector de saneamento con camións con tecnoloxía de succión e impulsión, inspecciónase mediante un robot e, finalmente, resólvese a rehabilitación do tramo e a impermeabilización dos pozos de rexistro.

Os continuos cortes de luz na rúa Río Miño provocaron nos últimos meses o malestar da veciñanza. O Concello de Xinzo de Limia puxo fin a esta situación adxudicando as obras de reparación á empresa Viaqua. A actuación consistiu na impermeabilización das conducións de saneamento para evitar a filtración ás instalacións de Naturgy. Os traballos contaron cun orzamento de 23.292 euros.

O Concello de Xinzo, tamén da man de Viaqua e Naturgy, traballou nos últimos meses para solucionar os problemas existentes na rede de saneamento do entorno das vivendas da rúa Ladeira e a zona do Polígono que, a comezos de febreiro, rexistrou numerosos corres de luz nun corto período de tempo.

Tamén a principios de ano, técnicos de Viaqua acometeron, cun camión especial, unha limpeza do colector da rúa Río Miño, para revisar os tramos máis críticos nos que se rexistraban os escapes na rede de saneamento. Incluso levouse a cabo unha exhaustiva inspección cunha cámara para localizar onde xurdían os problemas.