Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo ofrece ferramentas aos alumnos dos institutos da vila para identificar os casos de violencia de xénero

IES
IES

Nos institutos de Xinzo de Limia aprendéronse esta semana valiosas leccións máis aló dos libros. O Concello, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller, está a levar a cabo unha campaña de prevención da violencia de xénero que onte se dirixiu aos alumnos do IES Lagoa de Antela e hoxe aos do IES Cidade de Antioquía. Que os máis novos saiban identificar este tipo de situacións é o obxectivo desta iniciativa, que leva por título “Educando dende a igualdade de xénero” e que se está a desenvolver nos centros escolares ás portas do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Máis en concreto, trátase dunhas charlas-coloquio que, impartidas polo coordinador do CIM en Xinzo, José Luis Saborido, dan a coñecer aos estudantes os recursos e ferramentas que existen ao dispor das mulleres que sofren violencia de xénero ou daquelas persoas que sexan coñecedoras doutras que estean pasando por esta situación. Tamén ensinan a distinguir os distintos tipos de violencia: física, psicolóxica, económica, sexual e na escola.

A alcaldesa, Elvira Lama, presentou as charlas e insistiu en que “só dende a igualdade poderemos erradicar esta lacra social”. Ademais, dirixiuse aos mozos e mozas para pedirlles que estivesen alerta ante posibles situacións de violencia de xénero.

O Concello de Xinzo de Limia adiantou os actos en contra da violencia de xénero ao pasado fin de semana, cando unha andaina organizada polo GDR Limia-Arnoia mobilizou a un cento de persoas. Está previsto que o 25N, o propio día que se conmemora a loita contra a violencia de xénero e a favor da igualdade, teña lugar unha concentración na praza Maior,  onde estará instalada unha carpa.