Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo pecha o único prostíbulo que seguía aberto na vila para evitar a propagación do virus

A alcaldesa, Elvira Lama, tomou a decisión ante a falta dunha resolución por parte da Xunta de Galicia como a que tomaron en Castela-A Mancha, Cataluña ou Murcia. A Garda Civil notificoulle esta noite aos responsables do local que non poderán volver a abrir 

2020082516380123738
Foto publicada por La Región.

Ante a falta dunha resolución específica por parte da Xunta de Galicia, similar a adoitada polos gobernos de Castela A Mancha ou Cataluña, o Concello de Xinzo decidiu actuar pola súa conta con relación aos prostíbulos, ordenando o peche do único que onte pola noite permanecía aberto na localidade.

A iniciativa foi da alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, que o luns a primeira hora solicitou ao departamento municipal correspondente información sobre a licencia dos dous locais deste tipo que hai na localidade. 

Unha vez comprobado que a súas licencias café especial non lle permiten ningún tipo de actividade, segundo as medias acordadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, onte pola noite foi ordenado pola Garda Civil o peche do único que estaba aberto.

A motivación para esta decisión está no feito de que estes locais, tal e como determinaron os gobernos de Castela A Mancha e Cataluña, son lugares cun alto risco de propagación do virus. Ademais, segundo a alcaldesa, “é incoherente pechar o ocio nocturno e manter abertos este tipo de establecementos”, polo que tamén lle pide á Xunta que adoite algunha resolución neste mesmo sentido que permita pechar todos os prostíbulos de Galicia ao marxe da licencia da que dispoñan.

“A prostitución é unha forma de escravitude e de violencia contra as mulleres. Neste contexto súmase a todo isto a temeridade e perigo que supón para a seguridade e saúde das mulleres prostituidas, das personas que acuden a estes locais e das súas familias”, explica Lama, que considera que esta pode ser unha oportunidade para pechar definitivamente estos lugares de explotación de mulleres.

En canto ao outro prostíbulo da vila, sobre os que non consta actividade recente, será obxecto de especial vixilancia durante os próximos días para ordenar igualmente o seu peche no caso de que a retomasen.