Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo solicita a Declaración de Zona de Emerxencia de Protección Civil

Onte  sábado 28 de decembro, os portavoces de todos os grupos políticos que compoñen a corporación local reuníronse na Sala de Xuntas do Concello para tratar a problemática dos efectos e danos dos últimos temporais

Momento no que se asinou o documento conxunto
Momento no que se asinou o documento conxunto

Por motivo dos fenómenos meteorolóxicos adversos en formas de borrascas de grande intensidade, ventos e choivas torrenciais nunha situación prolongada durante varios días, o Concello de Xinzo de Limia atópase ante unha situación de grandes perdas económicas. Por este motivo, o os portavoces dos grupos políticos reuníronse coa intención de iniciar os trámites e solicitar a Declaración de Zona de Emerxencia, e poder obter axudas das distintas administracións.

O sectores de maior dano son os da agricultura e gandería, que perderon a totalidade dos cultivos de inverno xa sementados. A esta situación, súmanse os numerosos danos ocasionados nas infraestruturas municipais e na rede viaria, así como a caída de postes e tendido eléctrico ou o dano en zonas de uso e dominio público, parques e xardíns. 

Para tratar de solucionar este problema, asináronse unhas valoracións como trámite inicial para que o Pleno poida instar á Consellería de Medio Rural da Xunta para que tramite ante á Administración Xeral do Estado a declaración do Concello de Xinzo de Limia como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil.