Xinzo de Limia

Os distintos estilos educativos, a debate no Programa Universitario de Maiores de Xinzo

USC1
USC1

A primeira xornada do Programa Universitario de Maiores que se está desenvolvendo en Xinzo de Limia converteuse nun debate ameno no que todos os participantes puideron compartir as súas ideas. O profesor da USC Jesús García dirixiu a sesión na Casa da Cultura e nela debateuse sobre o sistema educativo actual, o papel das familias para o desenvolvemento académico dos alumnos e alumnas e a necesaria alianza entre os pais e os docentes.     Os asistentes deron a súa opinión sobre a familia como uno dos principais axentes educativos. Tamén se intercambiaron impresións sobre os diferentes estilos de educación: dende o autoritario e o permisivo ata o democrático.

Durante o seminario, o docente acompañou as súas explicacións de vídeos e exemplos gráficos sobre diferentes situacións e os estilos educativos máis eficaces en cada unha delas. Así, ao longo de toda a mañá, intentouse dar resposta á seguinte pregunta: Que papel poden desempeñar as familias na educación?

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, acompañaron aos maiores de 50 anos que se inscribiron a esta iniciativa formativa que se seguirá levando a cabo ao longo do mes de abril grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela.

Está previsto que o 9 de abril o cine sexa o gran protagonista. A xornada leva por título O cine do cotiá: un achegamento á práctica documental, e estará dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío, profesores colaboradores do Programa Universitario para Maiores.

Por último, o 23 de abril haberá dúas sesións sobre historia. A primeira, titúlase Dando luz ao románico... Escoitando o falar das imaxes petrificadas. Na segunda descubriranse San Xoán de Vilar de Santos e Santa Mariña de Xinzo de Limia. Carolina Casal, doutora en Arte Medieval pola USC, será a encargada de dirixir as sesións. Realizaranse visitas guiadas que demostrarán todo o potencial do concello no referente a este tipo de arte.

O Programa Universitario de Maiores ten como obxectivo que as persoas de máis idade compartan e desenvolvan iniciativas docentes e de extensión cultural, propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que cumpran para alcanzar este fin.