Xinzo de Limia

Elvira Lama: “Cada libro de Miro é unha homenaxe á memoria colectiva de quen desexa poñer branco sobre negro unha parte de nós mesmos”

homenaxe
homenaxe

O pobo de Xinzo de Limia saldou esta mañá a súa débeda con Edelmiro Martínez Cerredelo, polo valor incalculable do seu traballo investigador en favor da historia do concello e nunha homenaxe na que o salón de plenos quedou pequeno para albergar tanto cariño, a mellor das recompensas. Xa o manifestou a alcaldesa, Elvira Lama, na súa intervención: “Unha boa parte dos limiaos e limiás estabamos en débeda contigo, Miro”. O cronista e historiador foi nomeado fillo predilecto e recibiu a Medalla do Concello. Tamén se lle outorgou a acta enmarcada da sesión plenaria na que se aprobou por unanimidade o expediente de honra para outorgarlle esta distinción a finais do pasado mes de setembro. O acto contou coa música do director da Escola de Banda de Gaitas, Fernando Dopico.

A rexedora ofreceu un emotivo discurso no que puxo en valor o traballo do cronista local: “Cada libro de Miro é unha homenaxe á memoria colectiva de quen desexa poñer branco sobre negro a unha parte de nós mesmos. Ben sexan as festas, as tradicións, o deporte, a cultura, a historia ou as historias, como dicía, dos nosos devanceiros”.

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, que exerceu de instrutor do procedemento para acreditar os méritos de Martínez Cerredelo, destacou o “valor incalculable” da súa bibliografía que recolle “séculos da historia do noso concello”. Tamén recordou que a partires do ano 2004 comezou a afondar na historia de Xinzo de Limia e comarca, percorrendo incansablemente arquivos e bibliotecas, facendo valiosas achegas á historiografía de Xinzo e da bisbarra da Limia. Esta importante actividade investigadora deu lugar a publicacións en diversas revistas e oito libros que gozan do recoñecemento da cidadanía, en xeral, e de historiadores de distintas áreas temáticas. Algúns deles son Historia de Xinzo de Limia (2012), O Entroido de Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento (2021) ou Historia Musical de Xinzo de Limia (2021).

O homenaxeado asegurou que nunca pensou que escribiría oito libros e numerosos arquivos e que “a miña intención era só saber algo da nosa historia, pero parecíame egoísta non poñer a disposición dos veciños todo o material”.  Subliñou tamén que “é un legado do que me sinto orgulloso”. Tamén dedicou emotivas palabras a súa familia, en especial “a miña compañeira de vida María, o apoio máis importante”. Agradeceu ao equipo de goberno esta distinción e engadiu: “Espero que alguén colla o relevo, porque en Xinzo de Limia hai moito que investigar”.