Elvira Lama e Moncho Gómez acompañaron a Delegada da Xunta Marisol Díaz, na clausura do obradoiro de emprego
Quince alumnos formáronse en albanelería e xardinería
Tomou a palabra a alcaldesa Elvira Lama, nesta ocasión anfitrioa do acto, para dar a benvida a Delegada da Xunta, ao alcalde de Baltar ao profesorado e alumnado que hoxe rematou o obradoiro dicíndolles que a máxima destes obradoiros é que a xente que remata se poida enxerir laboralmente na sociedade o antes posible. Enxerirse laboralmente no medio rural, debe ser a máxima dos concellos pequenos, posto que moitas veces iso facilita que esa xente atope no medio rural o seu proxecto vital.
Temos que abrir o campo a outras modalidades de cursos, coincido coa Delegada da Xunta, para vindeiras ocasións. Deséxolles a todos, o primeiro é que atopen o seu camiño laboral pronto e que isto, como dicía antes aporte riqueza no seu camiño vital.
Díaz Mouteira destacou a importancia de mellorar a cualificación dos desempregados para favorecer o seu acceso ao mercado laboral e dar resposta, á vez, ás necesidades reais dos principais sectores produtivos da Comunidade, ao tempo que subliñou a utilidade destes programas mixtos de emprego e formación, que permitiron aos seus participantes a posibilidade de ter un contrato laboral mentres se formaban.
Esta iniciativa, que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 225.000 euros, serviu para que o alumnado accedera a un posto de traballo durante nove meses, ao tempo que tamén recibiron formación nas especialidades de fabricas de albanelería e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.
O alumnado que se formou e traballou neste taller realizou labores que serviron para promover actuacións de interese público. No Concello de Xinzo de Limia, realizaron unha delimitación física da parte este e norte do parque Alameda do Toural, así como unha nova delimitación do parque Ponte da Lima, onde instalaron rego automático e plantaron árbores e flores.
Acabados os discursos fixéronselle entrega dos diplomas a todos os participantes , rematando o acto coa foto de familia nas escalinatas do Concello de Xinzo.