Xinzo de Limia

Elvira Lama: “Este obradoiro demostrará que as mulleres e os homes estamos igualmente preparados para todas as profesións”

Obradoiro
Obradoiro

Non só por revalorizar o Camiño ao seu paso por Xinzo e Sandiás será un exemplo o Obradoiro de Emprego na Vía da Prata. Dos 16 alumnos-traballadores que participarán na iniciativa, 14 son mulleres, polo que a alcaldesa, Elvira Lama, quixo dedicarlles unhas palabras no acto de benvida celebrado esta mañá na casa consistorial: “Este obradoiro demostrará que as mulleres e os homes estamos igualmente preparados para todas as profesións”. Tamén quixo a rexedora transmitir os seus mellores desexos: “Agardo que co voso esforzo consigades mellorar a vosa calidade de vida. A Lei de Igualdade permítenos facer unha discriminación positiva a favor das mulleres. Temos que apostar polas políticas que as defenden”.

Neste sentido, cómpre destacar que para dirimir os posibles empates nas puntuacións finais entre dúas ou máis persoas candidatas estableceuse, por orde de prelación os seguintes criterios: muller vítima de violencia de xénero, mulleres, persoas de 45 ou máis anos, por idade (18-29 anos) e os aspirantes de entre 30-44 anos.

Pola súa parte, o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, animou aos participantes a pór todo o seu empeño por aprender e recalcou a importancia das obras que se levarán a cabo para revalorizar o patrimonio da Vía da Prata ao seu paso polos dous concellos.

Favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas de 18 ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral é o obxectivo do Obradoiro de Emprego na Vía da Prata. Xinzo e Sandiás uniron as súas forzas para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnos traballadores durante un período de tempo de nove meses. En concreto, serán oito traballadores dedicados á albanelería e outros tantos á xardinería.

As actuacións que se levarán a cabo no concello de Xinzo contemplan a mellora da pavimentación e accesibilidade no Camiño (Avenida de Ourense, parque Pombal e Rosalía de Castro) e a rehabilitación dunha área degradada á beira do río Limia, ao lado do parque da Seara e a estrada de Baltar, para convertela en parque urbano. Cómpre destacar que nesta antiga escombreira proxéctanse obras para a construción dun novo servizo de esparcemento dos peregrinos e unha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre, ademais da creación dun novo xardín.

A subvención da Xunta ascende a 277.556 euros. Ambos concellos deberán financiar o 100 % das actuacións que se realicen no seu territorio, se ben a subvención da Xunta de Galicia corresponderase co custo salarial dos 16 alumnos.

O obradoiro espertou un gran interese e foron preto dun cento os aspirantes a algunha das prazas que se ofertaron. Máis en concreto, un total de sesenta persoas optaron a unha das 16 vacantes nas especialidades de xardinería e albanelería, mentres que 7 optaron ao posto de director, 5 á de administrativo e 16 ás dúas prazas de monitor docente.