Xinzo de Limia

Un exemplar do Toural aspira a ser a primeira árbore das trompetas que entre no catálogo de especies senlleiras

árbore
árbore

Polo seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico e ornamental son moitas as reliquias botánicas que conforman o Catálogo galego de árbores senlleiras, que pronto podería incluír unha especie do parque do Toural de Xinzo. O Concello así o solicita ao considerar que o exemplar, coñecido como catalpa ou árbore das trompetas, pode ser un bo representante no listado oficial da Xunta de Galicia. Ademais, non se coñecen outros de dimensións tan sobresaíntes na comunidade galega.

Tal e como establece a Consellería de Medio Ambiente, terán consideración de senlleiras as árbores ou formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera circunstancia que as faga merecedoras de especial protección.

As vaíñas colgantes danlle o seu nome

Veciños e visitantes do parque do Toural recoñecerán o exemplar por ter o fuste inclinado e presentar cicatrices de actuacións de poda realizadas no pasado. A súa copa é redondeada e aberta, non compacta pola ausencia dalgunhas ramas estruturais. A codia é de cor gris clara nas ramas novas e gris escura no tronco e ramas vellas. Tamén destacan as súas vistosas follas, de forma variable, pero normalmente acorazonadas e de bordo enteiro, de cor verde brillante e ásperas ao tacto. Quizais o aspecto máis relevante sexa o tamaño destas, xa que poden superar os 20 centímetros de largo.

As flores desta árbore que agora pretende engrosar o catálogo da Xunta, son moi vistosas, de cor branca e manchadas de amarelo e violeta, que acadan os tres centímetros de largo. Outro aspecto que chama a atención desta árbore son os seus froitos, alargados e verdes primeiro e colgantes e marrón-negro cando maduran. Son características as súas vaíñas colgantes que dan nome a este árbore das trompetas.

Cómpre destacar que as árbores e formacións singulares que se inclúan no catálogo consideraranse protexidas para todos os efectos, o que supón a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia. Estes exemplares serán posuidores dunha protección legal que tamén afectará ao seu ámbito inmediato.

Un estudo especializado

Esta proposta para incluír no catálogo galego a árbore das trompetas do parque do Toural forma parte dun plan do Concello de Xinzo para a posta en valor dos espazos verdes. Cómpre recordar que con motivo da celebración do Día da Árbore, entregáronse 60 exemplares ás Anpas dos dous CEIPs. Ademais, súmase ao traballo de saneamento e plantación de novas árbores, encargado tamén polo Concello a un doutor en investigación agraria e a unha enxeñeira forestal e que comezou por un exhaustivo estudo da saúde das distintas especies arbóreas do municipio. Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo de profesionais nesta materia, estanse acometendo as accións de saneamento e mantemento das distintas especies, despois de anos e anos sen asesoramento especializado.