Xinzo de Limia

Éxito da Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola de Xinzo, que recibiu máis de 5.000 visitantes e fomentou a venda a profesionais

Alimagro10
Alimagro10

A Feira da Pataca e Maquinaria de Xinzo de Limia volveu con forza ao calendario. A pasada fin de semana, Alimagro celebrou a súa segunda edición despois de que a pandemia obrigase a suspendela o ano pasado. Para convertela nun referente do norte de España e consolidala dentro da programación de eventos de relevancia para o sector, o executivo local decidiu unir as dúas citas nun mesmo espazo e tempo.

O resultado foi o desexado e as cifras falan por si solas: A feira recibiu máis de 5.000 visitantes e fomentou a venta a profesionais. As datas nas que se levou a cabo tamén axudaron a que o balance sexa máis que positivo. A primeiros de setembro os agricultores aínda non comezaron a arrincar o tubérculo e o tempo acompaña para que os tractores de última xeración poidan aparcarse nas inmediacións do pavillón municipal, onde se instalou todos os postos relativos a pataca.

Precisamente a variedade dos trinta expositores do recinto –dende produtores, almacenistas ata seguros agrícolas– favoreceu o incremento das visitas. Ademais, conseguíronse pechar importantes vendas de maquinaria e os profesionais tiveron durante tres días un perfecto escaparate para promocionarse.

A alcaldesa, Elvira Lama, valorou moi positivamente a feira e expresou o compromiso do Concello para a súa continuidade.“A produción agrícola da Limia é un piar fundamental do tecido produtivo e ten que ser economicamente rentable e sustentable co medio ambiente. Vivir no rural e do campo é posible si contamos cos investimentos necesarios, añadiu.

O concelleiro de Medio Rural de Xinzo de Limia, Amador Díaz, mostrouse tamén máis que satisfeito co desenvolvemento da Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola: “Foron moitos os visitantes que comprobaron de primeira man o seu potencial. O noso obxectivo era poñer en valor a pataca e aos profesionais do sector e conseguímolo. Iremos a por unha terceira edición”.

Á espera de que a normalidade volva á vida cotiá, Alimagro desenvolveuse con todas as medidas de seguridade e protocolos, establecéndose que a entrada e saída do recinto feiral debía realizarse entre o parque da Alameda e o parque do Toural.

A inauguración contou o venres cunha ampla comitiva de autoridades, que coincidiron ao poñer en valor o traballo dos profesionais do sector e en seguir traballando da man en favor da agricultura.

Durante os tres días da feira sucedéronse as degustacións gastronómicas que, como non podía ser doutro xeito, tiveron a pataca como produto estrela. Onte, o chef ourensano Carlos Parra ofreceu un obradoiro gastronómico que espertou gran interese entre os asistentes. No último día de Alimagro tamén se quixo render homenaxe a un sector que leva décadas facendo da Limia un referente. Dúas vacas rubias percorreron as instalacións e rememoraron o xeito no que hai anos se traballaba no campo. A Banda de Gaitas de Xinzo pechou unha programación que deixou o listón ben alto de cara a próximas edicións.

Subvención do Inorde

A Comisión Executiva do Inorde, na sesión que tivo lugar o día 29 de decembro de 2020, aprobou a convocatoria do concurso público para a concesión de subvención a concellos para a realización de accións de promoción de produtos ourensáns correspondentes ao exercicio 2021, publicada no BOP da Deputación Provincial de Ourense, número 10 do 14 de xaneiro de 2021,  por importe de 2.959 euros.