Xinzo de Limia

A Feira do Comercio de Xinzo bate récords de participación e ofrecerá dende degustacións ata concertos cun control exhaustivo de aforo

Presentación
Presentación

Os comerciantes de Xinzo de Limia saben que a unión fai a forza e por iso, na Feira de Comercio Local prevista para esta fin de semana, alcanzarase un récord de participación. Está previsto que preto de medio centenar de establecementos ofrezan os seus produtos no pavillón municipal. Dende mañá, veciños e visitantes poderán mercar dende roupa e complementos ata artigos de xoiería, entre outras propostas. A crise que trouxo a pandemia animou a moitos comerciantes a aproveitar o escaparate que ofrece esta iniciativa. Así o explica a presidenta de Prolimia, Conchi Conde: “Esta é a forma de saír á rúa para que se acorden de nós e para demostrar que estamos máis unidos que nunca”.

Durante os tres días nos que se desenvolverá a feira levarase a cabo un exhaustivo control de aforo. A pesar das restricións, prevese que esta sexa unha edición forte e a programación así o demostra. Haberá dende degustacións gastronómicas ata actuacións musicais, ademais de obradoiros e outras propostas de interese. Incluso para os nenos haberá entretemento con ludoteca e inchables.

A feira inaugurarase mañá ás 12.00 horas e os actos non cesarán. Para as 12.30 horas está a prevista a degustación de produtos típicos con denominación de orixe, así como aportacións de distintos negocios de Xinzo de Limia. Pola tarde organizouse un taller de barro, a partir das 17.00 horas e, ás 20.00 horas, haberá un bingo no que se repartirán premios inmediatos.

O sábado abriranse as portas ás 10.00 horas e a mediodía comezará a actuación da Agrupación Musical da Limia. Pola tarde haberá diferentes obradoiros e repetirase o xogo do bingo. Ademais, o grupo Danzón animará as compras a partir das 18.00 horas.

O domingo, tamén a partir das 10.00 horas, veciños e visitantes poderán recorrer os diferentes postos. Para as 11.00 horas está prevista a actuación da charanga Achicoria e, ás 13.00 horas, a degustación de pinchos elaborados pola Asociación de Hostaleiros de Xinzo. Xa pola tarde haberá un obradoiro, o concerto da Chikiband e o gran sorteo de rifas entregadas polas compras realizadas na feira.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, asegura que a Feira do Comercio ten como obxectivo a reactivación do sector comercial de Xinzo, especialmente castigado por mor da pandemia, así como brindar apoio a través de Prolimia aos locais comerciais da vila para axudar a reactivar a economía. A rexedora engade: “Con esta feira pretendemos volver a establecer a rutina e os hábitos de consumo na nova normalidade, fomentando as compras no comercio local e tradicional, próximo e de trato personalizado e profesional. Será un magnífico escaparate para mostrar que en Xinzo temos de todo, do mellor, e variado”.