Xinzo de Limia

O Goberno central aproba os sete proxectos propostos polo Concello e Xinzo para substituír 4.610 vellas luminarias por LEDs

Preto de 258.500 euros. Esta é a cantidade da factura da luz anual do Concello de Xinzo, que se conseguirá rebaixar considerablemente grazas ao apoio do Goberno central, que vén de aprobar os sete proxectos propostos polo executivo local para substituír un total de 4.610 vellas luminarias por LEDs. O aforro será de case o 70 %.

A comunicación do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía supón a confirmación definitiva a una actuación que se desenvolverá ao longo de dous anos e que suporá o cambio das lámpadas de todo o alumeado público do termo municipal, tanto da vila como dos 32 núcleos de poboación.

Cómpre recordar que as actuais luminarias son de 100 vatios e apenas iluminan, o que é motivo frecuente de queixas entre a veciñanza. O primeiro dos sete proxectos constará na substitución a tecnoloxía LED de 615 puntos do casco urbano.

Para a substitución de 4.610 vellas luminarias deste ambicioso proxecto, o ente público nacional aportará o 80% (1.495.000 euros), mentres que  o 20 % restante, que supón unha cifra de 375.000 euros, correrá a cargo das arcas municipais. En calquera caso, para a confirmación da axuda a entidade local tivo que comprometerse á financiación do 100% da inversión (é dicir,1,87 millóns de euros).

O executivo local celebra a concesión total desta subvención, non só pola redución da factura, senón pola menor contaminación ambiental que ofrece a tecnoloxía LED. Coa substitución dos puntos de luz tamén mellorará a calidade da iluminación e reduciranse as emisións de CO2, un aspecto ao que o executivo local de Xinzo lle concede unha especial relevancia.

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) ten entre as súas funcións a financiación de proxectos e o desenvolvemento e xestión de programas de axudas públicas que afectan aos principais sectores consumidores de enerxía. A orixe dos recursos que xestiona proveñen, fundamentalmente, de Fondos Feder, o Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e do presuposto do Estado, así como a Financiación do propio Instituto.