Xinzo de Limia

O Goberno local dota á Policía Local de nova tecnoloxía para ordenar o tráfico, liberar espazo para os peóns e mellorar a seguridade viaria

Policía Local
Policía Local

Dar prioridade aos peóns sobre os coches, sobre todo en zonas de especial protección como o casco vello, e persuadir aos condutores para que respecten as normas de circulación, as rúas peonís e de acceso restrinxido, mellorando así a seguridade viaria en todo o municipio. Este é o obxectivo do Concello de Xinzo de Limia, que dotará de máis medios á Policía Local grazas a un acordo coa Femp. Trátase de nova tecnoloxía para a formulación de denuncias e acceso a bases de datos, lectores de matrículas, cámaras, sistemas de control de velocidade ou dispositivos para detectar os vehículos que se salten os semáforos en vermello.

Durante os próximos días, os axentes da Policía Local familiarizaranse co novo material e sistemas, que non empezarán a empregar ata que se leve a cabo unha campaña informativa entre a cidadanía do municipio.

O Concello adheriuse ao acordo marco coa Central de Contratación da Femp, que sacou a concurso este servizo que ofrece a todos os municipios do país. Xinzo é o primeiro de Galicia en acollerse ao mesmo. Con esta adhesión, o traballo administrativo da Policía Local optimizarase considerablemente ao non efectuar a tramitación analóxica das denuncias.

A través dunha app móbil axilizarase a xestión e tramitación das multas. Sen custo para o Concello, puxéronse a disposición dos axentes diferentes medios tecnolóxicos que permitirán ordenar o tránsito de vehículos, controlar o acceso a zonas restrinxidas ou a velocidade... Incluso se está a valorar a instalación de cámaras de control e diferentes espazos.

Os novos medios tecnolóxicos xa están a disposición dos axentes da Policía Local, que comezarán a empregalos nas próximas semanas. A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, asegura que mediante este acordo coa Femp terán máis medios para velar polo cumprimento das normas de circulación e para garantir a seguridade viaria, “nun momento no que se está a dar prioridade aos peóns sobre os vehículos en zonas como o casco histórico e cando o Concello xa puxo á disposición da cidadanía aparcamentos ao aire libre que permiten liberar as principais rúas comerciais e dinamizar as compras”.

En cifras, o municipio suma preto de 400 prazas máis para aparcar gratuitamente no centro da vila e no entorno máis próximo. Cómpre destacar que a renovada rúa Sitibal e a Cepetal contan con arredor de 250 prazas, mentres que son un cento as que oferta o aparcadoiro ao aire libre de Curros Enríquez e 25 as da nova instalación da avenida de Celanova.

O concelleiro responsable de Tráfico, Ramón Gómez, cree que con estas medidas Xinzo será un lugar máis seguro desde o punto de vista viario, especialmente para o peóns, pero tamén máis ordenado e regulado desde o punto de vista dos vehículos.