Xinzo de Limia

Hidrográfica e Concello empezarán os traballos para mellorar e ampliar o paseo do río Limia despois do verán

paseo limia
paseo limia

O Concello de Xinzo e a Confederación Hidrográfica Miño Sil acordaron sobre o terreo que os traballos para a mellora e ampliación do paseo fluvial do río Limia comezaran á volta das vacacións estivais, no mes de setembro.

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e a alcaldesa, Elvira Lama, xunto co tenente alcalde e concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz, e o de Urbanismo, Ramón Gómez, percorreron a zona na que se levará a cabo a actuación. O mes de setembro é a data que se marcou no calendario para comezar os traballos de redacción do proxecto para o acondicionamento e a ampliación da senda ao seu paso polo centro da vila.

Neste sentido, e no que respecta a ampliación e mellora do paseo do río Limia, preténdese actuar no tramo xa existente entre a ponte de Lamas e a estrada de Baltar, acondicionándoo, ademais de construír un novo paseo pola outra beira do río, de tal maneira que se xerará un circuíto duns 6 quilómetros.

A colaboración entre o Concello de Xinzo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil tamén quedou patente na rúbrica, o pasado mes de abril, dun convenio para a financiación e execución das obras de demolición da prensa de Gudín no río Faramontaos e que tamén terá incidencia no río Lima ao seu paso pola vila. Con este proxecto recuperarase a conectividade ecolóxica do río que presenta este obstáculo transversal, carente de uso e nocivo para o ecosistema acuático. Outro dos obxectivos desta actuación é devolver o seu caudal natural ao Limia.

A actuación de retirada da presa complementarase coa recuperación ambiental da zona e a execución dunha pasarela que comunique as beiras do río.

A inversión total para esta actuación ascende a 1.200.000 euros, dos cales a CHMS aportará o 80% da inversión e a administración local o 20% restante.