Xinzo de Limia

José González anuncia un plan estratéxico e outro de formación para impulsar a actividade agrogandeira na comarca da Limia

Medio Rural quere que esta comarca ourensá sexa referente de compatibilidade

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe a elaboración dun Plan estratéxico do sector agrario da Limia que a Xunta prevé ter completado no verán de 2020. Esta iniciativa complementarase con outro Plan de formación agrogandeira específico para esta bisbarra ourensá, que inclúe, entre outras cuestións, o asesoramento sobre a xestión dos residuos e subprodutos como fertilizantes. O conselleiro presidiu hoxe en Xinzo unha nova xuntanza da Mesa da Limia, na que estivo acompañado polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, así como pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Con esta reunión, segundo explicou José González, o Goberno galego continúa o traballo iniciado hai meses na procura do máximo consenso posible con todos os axentes económicos e sociais da zona para impulsar a actividade agrogandeira desde unha perspectiva sustentable. Trátase de lograr que A Limia sexa referente de compatibilidade entre unha xestión ambiental adecuada e uns bos resultados económicos, reafirmou.

O que se busca en definitiva, sinalou o conselleiro, é mellorar a calidade dos produtos agroalimentarios e poñelos en valor, tendo en conta que os consumidores están dispostos a pagar máis por uns produtos de maior calidade, pero que tamén sexan máis respectuosos co medio ambiente.

Folla de ruta

IMG_1227.1

 

 

 

 

 

 

 

Así, José González avanzou que o futuro plan estratéxico será a folla de ruta que defina o futuro do sector, partindo de diferentes premisas, pero tendo en conta especialmente a súa tripla sustentabilidade económica, social e ambiental, na procura da Galicia verde. Insistiu ademais que a elaboración deste documento será un proceso participativo, mediante a creación de diferentes mesas de traballo con todas as institucións e todos os axentes relacionados co sector agrario na comarca. Haberá mesas organizadas por temáticas (sobre os sectores da gandaría e a horta) e tamén unha de coordinación, na que estarán representadas as institucións públicas. Os temas a abordar neste plan serán a remuda xeracional no agro, o acceso á terra e á auga, a calidade do produto, a formación, o asesoramento e a investigación no sector. Tamén se tratarán aspectos ambientais, en especial os residuos agrarios e a súa xestión, o asociacionismo entre gandeiros e agricultores e a comercialización e os mercados.

Todo isto, dixo o conselleiro, forma parte dunha estratexia global para facerlle fronte, entre todos os implicados, á problemática da xestión dos xurros nesta comarca e, por extensión, en toda Galicia. Pártese, engadiu, dunha situación marcada pola existencia na nosa comunidade de arredor de 2,7 millóns de cabezas de gando, repartidas en case 36.000 explotacións. Esta cabana gandeira xera un volume importante de xurros, que resultan claves para a produción agrogandeira e que é preciso xestionar adecuadamente, tanto por motivos económicos como ambientais, aseverou.

Por todo isto, José González sinalou que a Xunta está a actuar e por iso publicou unha consulta pública previa á elaboración e tramitación dun anteproxecto de lei reguladora do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras xeradas en explotacións de Galicia. O prazo para a presentación de achegas vén de rematar e agora vanse avaliar as diferentes alegacións presentadas.

Neste contexto, o conselleiro avanzou tamén que “para respectar a economía dos gandeiros estase traballando na liña de que o Plan estratéxico de Galicia para a nova PAC contemple un ecoesquema que permita primar o tratamento dos residuos”. A finalidade é que “ese respecto medioambiental non supoña un custo económico para eles”, remarcou. Desta forma, tal e como establece a nova PAC, facilitarase unha prima por metro cúbico de xurro –semellante á que xa existe por vaca nutriz ou por superficie– para compensar os gastos derivados da súa recollida, transporte e tratamento. Isto vai na liña –destacou González– de “demostrar esa Galicia Verde que queremos que se implante, para que traslademos tamén ao conxunto da cidadanía ese coidado ambiental no cultivo dos nosos produtos”.

IMG_1238.1

 

 

 

 

 

 

 

O conselleiro advertiu que a preservación do medio ambiente é a idea central que guía toda esta acción e que situará a Galicia na cabeceira da innovación, como primeira comunidade autónoma en implantar un sistema deste tipo, no contexto da Galicia innovadora. Búscase así, segundo afirmou, protexer o ambiente, reducir a pegada de carbono, contribuír á mellora da situación dos solos e dos acuíferos e, ao tempo, blindar os sectores do leite, da carne e dos produtos agroalimentarios galegos en xeral, desde unha perspectiva que prima o concepto de Galicia verde. Por último, José González concluíu que con estes plans estratéxico e de formación trátase de afrontar os retos de futuro e de demostrar que unha mellor xestión ambiental das explotacións é compatible coa mellora dos seus resultados económicos.

Desta Mesa da Limia forman parte, ademais dos responsables da Xunta, representantes do sector agrogandeiro da bisbarra, pataqueiros, ecoloxistas, regantes, asociacións profesionais agrarias e responsables doutras administracións.