Xinzo de Limia

As notas da “Oda á alegría” decorarán a nova praza do Conservatorio, que acollerá concertos

Recreación
Recreación

Unha peza de gran relevancia na historia da música, a “Oda á alegría” de Beethoven, dará vida a un espazo de Xinzo que ata o momento nunca contara dunha atención especial. O pavimento da praza do Conservatorio será decorado coas súas notas en varios pentagramas, unha actuación que se enmarca no proxecto de recuperación deste espazo marxinal que pasará a converterse nun pequeno auditorio ao aire libre. Serán ao redor de 400 metros cadrados nos que a expresión musical terá todo o  protagonismo e onde poderán programarse concertos ao aire libre.

Os operarios traballan estes días para solucionar os problemas derivados da acumulación de auga, o paso previo para poder colocar os motivos decorativos acordes co espazo. Tal e como explica a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, a elección da “Oda á alegría” xorde da dirección do Conservatorio, e o executivo local fixo todo o posible para que puidese levarse a cabo. “É unha obra mestra da música de todos os tempos e moi coñecida por todos, pensamos que era unha boa idea que decorase este lugar”, engadiu a rexedora.

A praza do Conservatorio, emprazada ao carón da Casa Consistorial, pronto demostrará todo o seu potencial. As actividades que os rapaces realizaban neste lugar chegaron a ocasionar problemas coa veciñanza, polo que a súa reforma pretende convertelo nun lugar seguro. Incluso está previsto o peche do recinto durante a madrugada.

Son moitos os usos que se poderán facer deste espazo unha vez que remate a súa reforma. A intervención permitirá ao Concello de Xinzo dispor dun recinto no que celebrar concertos, proxeccións audiovisuais, representacións teatrais ou outro tipo de eventos de forma controlada. Actualmente, só é un lugar de paso pese a que ofrece moitas posibilidades. Coa rehabilitación das instalacións e o seu peche a horas intempestivas prevese dar un xiro radical a súa imaxe.

 

Para evitar os problemas de seguridade, instalaranse dúas portas batentes con chave revestidas con aceiro que impedirán o acceso. A maiores, substituirase a iluminación existente por LEDs e garantirase a suficiente luz para a realización de eventos