Xinzo de Limia

O pleno de Xinzo aproba unha moción por unanimidade en apoio a apertura do paritorio de Verín

Nos orzamentos  do 2020 haberá a mesma cantidade para subvencións a asociacións e clubes de Xinzo- Manolo P. Campos (Concelleiro de Facenda)
Pleno 12.12.2019
Pleno 12.12.2019

Durante o pleno que tivo lugar o 12 de decembro de 2019 tivo lugar a aprobación de diversas mocións por unanimidade, tales como  a moción do Grupo Municipal Popular sobre a violencia contra a muller,  que recibiu o apoio do Concello, con certas limitacións nalgúns puntos. A alcaldesa, Elvira Lama asegurou que intentaría fomentar a igualdade “dende o berce”, con plans de concienciación. Recordou tamén que este tipo de goberno asinou o VIOGEN para recibir máis fondos para esa loita..

                               Tamén por unanimidade, aprobouse a moción do Grupo Municipal Ciudadanos para a creación dunha app municipal que integre turismo, participación cidadá, interese xeral... Monserrat Lama falou da importancia de involucrar aos cidadáns co concello e, ante isto, Ramiro Rodríguez como portavoz do BNG asegurou estar de acordo aplicando unha enmenda constituínte na substitución  da parte que fala dunha app polo concepto de “ferramentas dixitais” para orientar e chegar a todos os veciños cun custe menor. Dende o Grupo Popular, Fernández Veiga instou a que “todo fora en prol do cidadán”, facendo tamén mención aos gastos.

A maiores, aprobáronse tamén a Moción do Grupo Municipal Ciudadanos para a defensa de igualdade de trato entre parellas de feito e matrimonios ao acceso á pensión de viudedade, así como o convenio de colaboración para o acondicionamento da Avenida de Celanova e o recoñecemento de débeda.

Ademais, en relación á declaración contra o peche do paritorio municipal de Verín, o Partido Popular demostrou o seu apoio en contraposición ás declaracións da Xunta, aínda que Antonio Fernández Veiga fixo algún apuntamento á alcaldesa por facer declaracións previas a esta aprobación por unanimidade.

Por outra banda, algunhas das mocións deste pleno deron lugar a controversia entre os presentes, provocando intercambio de ideas e opinións. Nun primeiro lugar, a Moción do Grupo Municipal Popular sobre o Dereito á Educación e Liberdade de Ensinanza, respaldada por Ciudadanos “pola liberdade que teñen os pais a elixir a liberdade de educación”. Fronte a isto, o Conselleiro de Educación, Alberto Martínez, amosou o seu rexeitamento. O portavoz do PP, Fernández Veiga, instou á pluralidade e liberdade aludindo á Constitución, da mesma forma que fixo Ciudadanos en varias ocasións, e defendeu a a escola pública alegando que se alguén quere ir a un centro concertado tamén ten a liberdade de facelo. Ante esta situación, a alcaldesa Elvira Lama asegurou o respecto que se mantén ao marco legal dende o goberno, defendendo sempre a “escola pública, gratuíta e de liberdade”, agregando que o fomento da educación en centros concertados falta a esa igualdade por todas as familias que non poden pagar este tipo de escolas.

A moción foi rexeitada cos votos en contra dos sete concelleiros do grupo de goberno

Outro termo de conflito foi a Moción do Grupo Municipal Popular sobre as axudas económicas a entidades sen ánimo de lucro. Luis Miguel Gil, exconcelleiro de deportes, propuxo esta moción coa idea de que “as organizacións e a veciñanza siga tendo o apoio do concello para que sigan cumprindo esa gran labor”. Dende Ciudadanos, Monserrat Lama refírese a esa moción como un “popurrí” do que sacaría máis dunha, a pesar de estar a favor de incrementar os orzamentos no rural pola natalidade e empregabilidade... O Concelleiro de Facenda, pola súa banda, apela a que o Partido Popular non foi coherente con este tema con anterioridade, pero que dende o goberno actual ían selo. Fixo mención á redución de gasto que están obrigados a cumprir, estando de acordo con varios puntos desa mención sen “facer o que o PP non fixo”. Recordou ademais, que ían ser cautos e dicir só o que realmente ían facer. Recoñeceuse como “orzamentalmente inviable” a proposta de aumento de 40.000 a 70.000 € a partida en autobuses e anunciou que nos próximos orzamentos estaban contempladas esactamente as mesmas subvencións e réxime de concorrencia, por suposto, para as mesmas entidades e clubs sen animo de lucro que no anterior . Elvira Lama asumiu os puntos “posibles” en prol de mellorar as instalacións deportivas e de ocio, tendo en conta a situación nos que o os deixou o PP.

Tivo lugar ademais neste pleno unha Moción de urxencia sobre o plan de regadío. O Partido Popular amosou a súa abstención e falou dos obstáculos da Confederación. O Concelleiro do Medio Rural, Amador Díaz, fixo mención aos problemas burocráticos aos que se enfrontan en relación con este tema, pedindo que se empecen a facer algúns dos sondeos  necesarios. A alcaldesa falou das mobilizacións dos agricultores da Limia durante anos por regar en precario, asegurando que a inexistencia de partidas económicas destinadas ao regadío é un problema fundamental, alegando que a falta de apoio do PP é “botar balóns fóra”. O portavoz do PP comprometeuse a que se fixera falta o Conselleiro viría a explicar aos agricultores a decisión da propia Consellería de que os cartos para o “riego” estarán dispoñibles en canto a Confederación de o seu visto bo.

No espazo de rogos e preguntas, o grupo Popular pediu que se deixase de institucionalizar temas como a violencia de xénero e interesouse polo arranxo de rúas, preguntando por datos concretos da empresa e orzamento destinado a isto; así como a colocación dos bancos que se retiraron dalgunhas rúas, ao que o Concelleiro de Obras respondeu que se trata dunha reestruturación de mobiliario urbano. Fernández Veiga preguntou tamén sobre o reacondicionamento da entrada de urxencias, o orzamento da Feira Alimagro e se existiu algunha charla de controversia. Ante isto último, o Concelleiro de Medio Rural recoñeceu que se fixeron catro charlas profesionais que o sector demandaba e que “se algo molestou se fixo sen ningunha intención”.Tamén lle contestou de que as contas serían entregadas con todo tipo de detalles. Sobre o tema do alumeado de Nadal, Elvira Lama remarcou que por dispoñibilidade orzamentaria, contaron  con limitacións económicas así como de tempo.

                               A pregunta que máis debate suscitou, incluindo a intervención dende o público dunha persoa representante dos veciños de Parada que asistiron a sesión, foi a interposta polo representante do PP sobre a concesión da licencia definitiva de actividade a planta de aglomerado en quente que xa comezou a funcionar en probas.  Interviron na “discusión” varios concelleiros ademais da alcaldesa, que dixo que non firmala sería prevaricar porque tódalas  autorizacións estaban en regla. En todo caso a culpa sería da administración da Xunta e das normas que ten nestes casos. A alcaldesa deulle a palabra a portavoz do grupo , a que afirmou que mentres todos os partidos se están botando as culpas entre eles a planta xa está en funcionamento e, por encima o primeiro cliente será, segundo eles o Concello, no asfaltado da avd/de Celanova.

“non cremos en ningún dos partidos e verémonos o mes que ven no xulgado”. Recordar que a asociación de veciños de Parada interpuxo unha demanda xudicial contra o propio concello polas licencias sucesivas que se foron dando.

Grupo de veciños de Parada contrarios a "planta" que asistiron ao pleno