Xinzo de Limia

A Policía Local de Xinzo incorpórase ao sistema Viogen de seguimento de vítimas de violencia machista

En Xinzo hai activos 12 casos deste tipo no sistema Viogen

O Concello de Xinzo de Limia acolleu onte a mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade Extraordinaria na que se asinou o Protocolo-Acordo de Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de Xinzo de Limia na Protección de Vítimas de Violencia de Xénero, así como os Acordos Técnicos de Colaboración e Coordinación da Garda Civil e Policía Local de Xinzo de Limia.

6Este acordo supón un paso adiante na loita contra esta lacra, non só no Concello de Xinzo, senón en toda a provincia de Ourense. Dende a Subdelegación do Goberno provincial estase a traballar para acadar a máxima participación das forzas de seguridade locais, en sintonía co indicado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a través das Xuntas Locais de Seguridade. De feito, a pasada semana a Xunta Local de Barbadás adoptaba decisións semellantes.

O obxectivo principal que se pretende acadar con estes acordos é a optimización dos recursos humanos e materiais das Forzas e Corpos de seguridade existentes nos municipios para garantir o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero, evitando posibles duplicidades na resposta aos casos que se susciten.

COLABORACIÓN OA GUARDA CIVIL

Cando se formalice o convenio de adhesión ao Protocolo Viogen, os axentes da policía local de Xinzo de Limia poderán colaborar coa Garda Civil de xeito máis eficaz e directo, o cal beneficiará en último caso ás mulleres que nestes intres sufren algunha ameaza de violencia machista neste Concello. Os datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Xinzo hai activos 12 casos deste tipo no sistema Viogen.

Ademais desta decisión, a Xunta Local de Seguridade aprobou a constitución da Mesa de Coordinación Policial na mesma materia. Este órgano de cooperación servirá para mellorar a colaboración entre as forzas de seguridade presentes no Concello e incidirá nunha mellora dos operativos de protección e seguimento.

8

A reunión no Concello levouse a cabo baixo a presidencia compartida do Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e da alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, acompañados pola Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; o xefe da Comandancia da Garda Civil de Xinzo; responsables de Policía Local; e outros representantes do Concello.