Xinzo de Limia

O primeiro Plan de Accesibilidade de Xinzo prevé intervencións en todos os edificios públicos e será unha guía para as novas construcións

accesibilidade1
accesibilidade1

Nas rúas de Xinzo de Limia hai escollos difíciles de sortear para as persoas que presentan algún tipo de discapacidade. Tamén nos seus edificios públicos. As barreiras arquitectónicas teñen os días contados no concello, despois de que os técnicos municipais e os de Cogami, organización de referencia en Galicia para as persoas con discapacidade, traballasen nos últimos meses para que o concello sexa un modelo no que se refire á eliminación destes obstáculos. O primeiro Plan de Accesibilidade de Xinzo toma forma e está previsto que se de a coñecer en breve,  despois de que esta maña se ataran os últimos fleco na reunión mantida polos técnicos municipais e os especialistas de Cogami.

Máis en concreto, na Casa Consistorial reuníronse a alcaldesa, Elvira Lama; o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Ramón Gómez; o edil de Infraestruturas, Rafa Penabad; os técnicos destas tres áreas municipais e os arquitectos de Cogami, Diego Piñeiro e Belén Vaz, ambos expertos en accesibilidade e neuroarquitectura. No encontro puxéronse sobre a mesa as conclusións dos estudos levados a cabo sobre o terreo, detectando os puntos críticos nos que se deberá actuar para eliminar as barreiras que dificultan a vida cotiá das persoas con discapacidade.

O documento prevé intervencións en todos os edificios públicos do concello, ao mesmo tempo que se constitúe como un referente para as novas obras, de maneira que as construcións que se efectúen no municipio cumpran ao 100% as condicións de accesibilidade. Prevese que teña dez anos de vixencia.

En definitiva, o plan pretende ser unha ferramenta indispensable para o desenvolvemento de futuras actuacións en materia de infraestruturas, construción de inmobles ou de instalacións de calquera tipo. Incluso está prevista a eliminación de barreiras sensoriais e cognitivas, ademais das arquitectónicas, como por exemplo a inclusión de braille en algúns espazos.

Participación veciñal

A intención do executivo local é que o plan poida entrar e vigor este mesmo ano, unha vez que quedan os últimos flocos na súa redacción. A participación veciñal será clave e unha vez rematado, someterase a información pública para que os veciños poidan facer as súas achegas, xa que o goberno local pretende que conte con aportacións de toda a veciñanza. “Queremos ser un exemplo de accesibilidade e inclusión e para iso debemos implicarnos todos e implicar a  toda a veciñanza”, explica Elvira Lama.

Os responsables municipais son conscientes de que nesta época de pandemia teñen que deseñar espazos seguros e saudables con proxección de futuro, ademais de adaptar os que xa existen para que toda a poboación poida gozar plenamente deles.

Mellorar tanto a accesibilidade sensorial como a cognitiva son aspectos claves no plan e neste sentido xa se estivo a traballar dende o Concello de Xinzo. Cómpre destacar así a instalación de pictogramas en edificios públicos para facilitar a comprensión. En inmobles como a praza de Abastos, na casa consistorial ou na sede da Policía Local colocáronse estas placas de metacrilato que facilitan ás persoas con dificultades un mellor desenvolvemento no seu entorno.