Xinzo de Limia

A remodelación dos accesos a Xinzo inclúe 2 glorietas, pasos de peóns, viais de servizo, beirarrúas e carris bici

acceso
acceso

A estrada N-525 presenta dúas imaxes ben distintas en Xinzo de Limia. Sobre esta vía que atravesa o núcleo da vila desenvólvese a localidade. No tramo central as marxes da calzada atópanse en bo estado, con novos pavimentos e infraestruturas. Non é o caso das entradas na zona urbana, tanto na Avenida de Ourense desde o norte como na de Madrid polo este, con pavimentos en defectuoso estado, tramos sen beirarrúas ou iluminación e redes de saneamento e abastecemento deterioradas.

Tendo en conta que ao longo dos últimos anos, gran parte da poboación da localidade asentouse nesta zona, na que non existen os pasos de peóns necesarios e beirarrúas nalgúns puntos, o executivo local proxectou a mellora dos accesos á vila pola N-525. Trátase, máis en concreto, do tramo da Avenida de Madrid que está pendente de reforma e a avenida de Ourense dende a rotonda da avenida de Celanova ata os institutos.

Mellorar a calidade de vida dos usuarios dos servizos é o obxectivo do Concello de Xinzo de Limia, que xa conta cunha memoria para a actuación, que supera os 2,3 millóns de euros. Polo deficiente estado no que se atopan as vías, o Goberno central comprometeuse a financiar as obras e a darlle prioridade con respecto a outras que existen en Galicia.

As obras consistirán na separación do tráfico rodado da estrada das zonas destinadas ao uso de peóns e estacionamentos, así como a dotación de servizos emprazados nas marxes e que con motivo das obras e dada a súa antigüidade, precisan ser repostos. Os dous tramos afectados polos traballos son a Avenida de Ourense, cunha lonxitude de 1.600 metros, e a Avenida de Madrid, con 350 metros.

A primeira fase da actuación será a demolición das aceiras e bordos existentes, así como do pavimento afectado polas obras ou a retirada de mobiliario urbano. A continuación procederase á substitución das redes de abastecemento e á renovación da rede de saneamento e pluviais. Tamén está previsto o soterramento da liña de alumeado. Retranquearanse as luminarias e semáforos para adaptalos á nova aliñación das aceiras, de maneira que permitan, comodamente, o paso de peóns a través das mesmas.

Cómpre destacar que na Avenida de Ourense, tanto na entrada á zona urbana como no entronque da N-525 coa pista dos Castros e a pista do Zepetal, executaranse dúas glorietas de 6,5 metros de radio interior e 14 metros de radio exterior. As rotondas terán a iluminación precisa para garantir a seguridade da circulación e no centro das mesmas plantaranse especies arbustivas. Tamén é salientable a construción dun carril bici que discorrerá pola avenida de Celanova ata os institutos.

Novos pasos de peóns

Tamén está previsto, entre outras actuacións, proceder ao saneo e recheo da marxe esquerda da Avenida de Madrid, desde o inicio da traza hasta a gasolineira para dotala do ancho necesario para a construción das beirarrúas das que carece actualmente. Na avenida de Ourense procederase á execución dunha vía de servizo por cada unha das marxes, separada da N-525 por unha isleta constituída por un espazo verde. Ademais, nesta zona procederase ao pintado de novos pasos de peóns, actualmente inexistentes, para permitir o paso entre ambas marxes da vía. Estes pasos indicaranse mediante sinalización luminosa para incrementar a seguridade.

O executivo local pretende, a través deste proxecto, eliminar as deficiencias existentes na zona e propiciar un entorno seguro e adecuado para os seus habitantes.