Xinzo de Limia

A reparación do firme do casco histórico de Xinzo chega a súa fase final na praza de San Roque, onde se substituirán todas as lousas

Lousas
Lousas

Co fin de entorpecer o menos posible a vida cotiá de veciños e comerciantes, o Concello de Xinzo de Limia levará a cabo a última fase da reparación do firme do casco histórico entre feiras. Os operarios volveron ao corazón da vila e prevese que antes do 14 de outubro estean rematados os traballos na praza de San Roque, onde será necesario substituír a totalidade das lousas, e na rúa de Leopoldo Álvarez. Trátase da última actuación que se realizará este ano para mellorar a imaxe destas rúas onde as roturas das baldosas é unha constante pola orografía do terreo.

Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, aínda que se trata da fase máis complicada do proxecto, o executivo local tomou a decisión de paralizar os traballos durante o verán pola gran afluencia de visitantes e retomalas agora entre feiras para causar as mínimas molestias a veciños e comerciantes: “Pedimos a súa comprensión porque é unha actuación complicada na que será necesario substituír as baldosas”.

Nos últimos meses, o casco histórico de Xinzo de Limia foi mudando pouco a pouco de imaxe. En menos dun mes ás portas do verán, o Concello de Xinzo de Limia acometeu a reparación e substitución de ao redor de 400 lousas, a metade das que se encontraban deterioradas e foron contabilizadas na memoria do proxecto. Un total de seis rúas precisaban unha actuación urxente, non só para embelecer o corazón da vila, senón para minimizar os riscos de caídas e lesións dos veciños e visitantes que por el transitan.

As obras que están a piques de rematar son unha necesidade urxente pola demora da subvención do Plan Hurbe. O proxecto presentado á Xunta de Galicia dentro deste plan pretende a rehumanización do casco histórico, comezando, precisamente, polas rúas principais: Galicia, Lepanto e Constitución. A inversión contemplada é de 350.000 euros, dos que a Administración autonómica aportaría o 70 %.

Á espera de que a Consellería de Medio Ambiente dea luz verde á axuda solicitada e se poida levar a cabo unha actuación integral, o executivo local comezou os traballos que están a piques de rematar e que contaron cun presuposto de 47.295 euros para a substitución de 800 lousas no casco vello. Esta actuación ten como obxectivo tamén revitalizar o sector económico da vila, potenciando o pequeno comercio que se estende pola zona, na que hai dende tendas familiares ata despachos profesionais e establecementos de hostalería.