Xinzo de Limia

Os residentes na comarca poden desprazarse a Xinzo para mercar produtos esenciais, pero deben xustificalo

A alcaldesa, Elvira Lama, pediulle aclaracións ao presidente da Xunta tras as dúbidas xeradas na Comisión municipal da Covid-19 polas últimas restricións.

Os habitantes dos pobos da comarca da Limia poden desprazarse a Xinzo, con limitacións de entrada e saída, para a mercar produtos esencias que non atopen nos concellos nos que residen. Así lle foi trasladado á alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, por parte do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. 

Esta aclaración prodúcese despois de que a alcaldesa pedira explicacións  polas dúbidas xeradas polo decreto das últimas restricións entre os asistentes (salvo o PP, que declinou participar) á última reunión da comisión municipal de Seguimento da Covid-19.  A resposta será agora traslada a todos os membros da citada comisión, incluído tamén o PP.

O conselleiro, que comparte a preocupación da alcaldesa en relación coas necesidades de abastecemento da poboación e o acceso a produtos esencias,  advirte na súa misiva que ditos desprazamentos deben estar debidamente xustificados.

“Para a súa tranquilidade -explica Comesaña- desde a Xunta interprétase que ese tipo de desprazamentos quedan comprendidos” entre os de “por causa de forza maior ou situación de necesidade, e así lle foi comunicado á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para que se lle dese traslado ás distintas forzas e corpos de seguridade que interveñen na vixilancia e cumprimento das medidas adoptadas mediante o dito decreto”.

Elvira Lama xustificaba a súa demanda de información en que  “somos a cabeceira da comarca da Limia e contamos o noso arredor con concellos moito mais pequenos, nos que en moitos deles non contan con servizos como supermercados  ou venta de produtos en fresco, así como outra serie de servizos como farmacias de garda”, polo que demandaba “que se nos aclare si os veciños e veciñas dos concellos da comarca da Limia se poden desprazar para actividades esenciais, incluída a compra de alimentos, ou calquera de primeira necesidade”.