Xinzo de Limia

A transformación da rúa Sitibal, xa aberta ao tráfico, queda agora pendente do soterramento do cableado

Moreira
Moreira

Os vehículos xa circulan por unha renovada rúa Sitibal que, xunto ca Cepetal, locen como amplos viarios de 16 metros de ancho, incluídas aceiras e prazas de estacionamento. Despois de que se levasen a cabo os traballos de pintado da sinalización horizontal, a recepción da obra está pendente dos últimos flocos, como o soterramento dos cables de Fenosa e Telefónica, o arranxo de varios accesos a propiedades ou a instalación de nova sinalización. Xinzo incorporará así unha nova zona de expansión ao seu casco urbano.

A apertura ao tráfico da Sitibal xa é unha realidade despois de meses de traballos nos que se dotou á pista de servizos básicos de saneamento, abastecemento, alumeado e beirarrúas, froito dunha intensa negociación do actual goberno local cos máis de 40 titulares afectados, que accederon á cesión dos metros de fachada que lle corresponden a cada un para dotar ao viario destes servizos, o que tamén revaloriza as súas propiedades.

O concelleiro de Urbanismo do Concello de Xinzo, Ramón Gómez, explicou os últimos detalles que se levarán a cabo nos próximos días: “Queda pendente o soterramento do cableado de Fenosa e Telefónica, no primeiro caso xa se xestionou a actuación. Ademais, estase en contacto con varios propietarios para levar a cabo o arranxo dos accesos e tamén prevese a instalación de nova sinalización horizontal”.

Mentres se realizaron as obras na Sitibal, a Travesía da Moreira soportou o tráfico como vía alternativa e isto lle pasou factura. Por iso, o Concello levou a cabo traballos para o arranxo do firme, que se atopaba deteriorado e para o que foi necesario realizar un bacheado provisional á espera da execución do proxecto de máis de 350.000 euros no que se mellorará o acceso a varias vías do entorno. É, en concreto, un convenio entre a Deputación de Ourense, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Xinzo de Limia que se encontra na última fase de tramitación e que contempla a creación dun carril bici e unha senda peonil duns 700 metros.

Plan de mellora das pistas do municipio

Dentro deste plan de bacheado para mellorar as pistas do municipio tamén nos últimos días se levaron a cabo traballos na de Os Castros que une a estrada N-525 coa de A Devesa á altura do Gadis e a que comunica os lugares de San Vitorio e Ganade. O presuposto para realizar estas actuacións ascendeu a 14.520 euros.