Xinzo de Limia

Xinzo conta con cinco videocámaras para determinar a afluencia de peregrinos en diferentes puntos do Camiño e controlar o tráfico

cámaras
cámaras

“Hai un Ourense para ti. Descúbreo”. Este é o nome da iniciativa de turismo intelixente da Deputación de Ourense mediante a que se levou a cabo a instalación de cinco videocámaras en diferentes puntos do concello de Xinzo de Limia.  En concreto, trátase de dous dispositivos para contabilizar a afluencia de persoas en determinados puntos do Camiño e tres cámaras para recompilar información sobre o tráfico rodado. As dúas primeiras instaláronse na localidade de Boado, no tramo da ruta de peregrinación entre Xinzo e Verín e permitirá obter datos sobre o número de peregrinos que pasan por estes puntos para o tratamento destas cifras e a elaboración de estudos.

Os dispositivos para recompilar información sobre os vehículos instaláronse na estrada N-525, ao suroeste de Xinzo de Limia; á altura do número 79 da avenida de Ourense e na OU-1101. Os datos serán tratados para a realización de estudos destinados á mellora da mobilidade. Ademais, o sistema é capaz de identificar as matrículas dos vehículos e ofrecerá información sobre o tempo de permanencia en determinados puntos.

No caso das cámaras de Boado, foron instaladas a unha altura superior a seis metros e o cadro e comunicación a 2,5 metros para evitar roubos ou actos vandálicos.

O dispositivo para o control de vehículos emprazado na N-525 ao suroeste de Xinzo de Limia, ao carón da gasolineira, instalouse nunha luminaria de 8 metros que permitirá recoller información ao non dispoñer de elementos que dificulten a visión nin existir semáforos que poidan condicionar o tráfico. Manterase así a distancia adecuada entre os coches para permitir o recoñecemento das matrículas.

No caso da videocámara da Avenida de Ourense, instalouse nunha luminaria de 11 metros e a 4 metros da beiravía que permitirá o control do tráfico en dirección ata a saída do núcleo de poboación.

Na OU-1101, ao este de Xinzo de Limia, instalouse un dispositivo nunha luminaria de 11 metros e a 1,5 metros da beiravía para realizar o control de vehículos en dirección ao núcleo de poboación.