Xinzo de Limia

Xinzo elabora un plan para mellorar e protexer a saúde da poboación e identificar as enfermidades que predominan

Plan de Saúde
Plan de Saúde

O Concello de Xinzo e o Centro de Saúde deron hoxe o primeiro paso para a elaboración dun pioneiro Plan Local de Saúde. Así o acordaron a alcaldesa, Elvira Lama, e as coordinadoras de medicina e enfermería, Cristina Margusino e María José Feijoo, nunha reunión que tivo lugar esta mañá e na que tamén participou o concelleiro de Saúde, Alberto Martínez.

A necesidade de elaborar un documento deste tipo púxose de manifesto nas xornadas de saúde na Atención Primaria que se celebraron o pasado 5 de xuño en Xinzo, ademais de ser un compromiso electoral da propia alcaldesa asumido por todo o grupo de goberno no pacto firmado tras as eleccións municipais.

“É unha ferramenta indispensable para deseñar e planificar actuacións que permitan mellorar, promover e protexer a saúde da cidadanía”, concluíron esta mañá tanto Elvira Lama como as responsables do Centro de Saúde.

Entre os obxectivos do plan están a promoción de estilos de vida saudable, a detección de problemas na saúde da cidadanía, a identificación de necesidades ou das enfermidades predominantes entre a poboación, así como das súas causas.

Nesta primeira reunión púxose en marcha a folla de ruta para coordinar os traballos, calendarios e integrantes dos diferentes equipos que se irán conformando para a elaboración do plan e nos que participará unha ampla representación de persoas e colectivos con moito que aportar no ámbito da saúde.

Nos temas relacionados coa saúde no rural cobra especial importancia a coordinación de todasas administracións e axentes implicados para favorecer a atención áxil e individual dos pacientes, polo que a previsión é ir incorporando a todos os colectivos que traballan coa poboación para que aporten a súa diagnose nas franxas de idade e grupos cos que traballan.

 “Dende o Concello estamos absolutamente implicados co noso Centro de Saúde e coas asociacións e colectivos para facer o que faga falta para mellorar a saúde dos veciños e veciña”, explica Elvira Lama.

A seguinte reunión xa quedou datada para a segunda semana de xullo, cando se xa se irán incorporando aos traballos persoas dos diferentes servizos tanto de Atención Primara como das áreas de Sanidade e Social do Concello.