Xinzo de Limia

Xinzo insta a Augas de Galicia a retomar o plan de mellora da depuración de Morgade, paralizado fai anos

morgade3
morgade3

O Concello de Xinzo de Limia segue a insistir para que se retome o proxecto de mellora da depuración da parroquia de Morgade e canalización da rede de saneamento á EDAR de Xinzo de Limia. A parroquia, unha das máis poboadas do municipio, conta cunha EDAR que nunca chegou a funcionar. O sistema recolle parte das augas residuais sen que sexan tratadas, polo que se producen as sancións da Confederación Miño-Sil. A rexedora, Elvira Lama, vén de enviar un escrito a Augas de Galicia no que insiste na necesidade de levar a cabo esta actuación para a que xa existe un proxecto. O documento foi redactado polo anterior grupo de goberno e sufragado por este ente dependente da Consellería de Infraestruturas no ano 2018.

Así o explica a alcaldesa no escrito: “Morgade ten 370 veciños e non conta con tratamento de augas residuais. No pasado construíuse unha depuradora que nunca funcionou nos últimos 25 anos e unha parte do pobo verte a unha fosa en mal estado, cun risco para a saúde pública, dado que hai terreos de cultivo ao carón das cunetas”.

Elvira Lama xa mantivo o 1 de marzo unha reunión por videoconferencia ca directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez, á que agora dirixe a carta e á que insiste en que o presuposto non é motivo para non levar a cabo a actuación: “A resposta foi que non había dotación orzamentaria, a mesma que me trasladou a conselleira Ethel Vázquez en outubro do 2019. Vemos con agrado como outros concellos do interior de Galicia e mesmo da Limia son atendidos nas súas xustas demandas. Dado que a redacción do proxecto foi encargado e pagado pola entidade que vostede dirixe, considero que tamén é de xustiza reiterar a solicitude de co-financiamento das obras para a execución das mesas”. “O Concello de Xinzo -expón Lama Fernández- está disposto a asumir o 20% do orzamento, dadas as graves dificultades financeiras polas que estamos a atravesar”.

Garantir o tratamento de depuración previo ao vertido final

Polo momento nada se fixo para eliminar a fosa séptica que recibe vertidos de 20 familias. Así se detalla no proxecto: “A fosa séptica existente na parte oeste do núcleo está parcialmente colmatada, polo que non funciona correctamente. Esta instalación desprende malos olores e as augas residuais que recolle as verte á cuneta dunha pista de concentración parcelaria, nun punto moi próximo. Dada esta problemática é polo que resulta necesaria realizar a mellora do sistema de saneamento do núcleo, de tal forma que se garanta o tratamento de depuración previo ao seu vertido final ao medio”.

As obras proxectadas teñen como finalidade conectar a rede de saneamento de Morgade coa rede xeral de Xinzo, para o tratamento das súas augas na EDAR de Xinzo de Limia. Nos últimos anos, nesta instalación realizáronse varias actuacións de mellora do tratamento das augas e o Ministerio de Medio Ambiente chegou a executar as obras de mellora da capacidade de eliminación de nutrientes para cumprir os estándares de calidade.

Cómpre destacar que a EDAR de Morgade, aínda que nunca chegou  a poñerse en funcionamento, dispón dun bombeo de entrada que resolvía o problema de desniveis que hai na zona, pero o seu emprazamento dificulta que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil poida autorizar o seu vertido ao medio, sen que fagan falla sofisticados e custosos sistemas de depuración, xa que dito vertido se fai nunha zona onde non se ten suficiente cunca que permita a dilución das augas tratadas. Ademais,  os canais por onde circulan as augas que recorren o que era a antiga Laguna de Antela tampouco o admitirían.