Xinzo de Limia

Xinzo pecha ao tráfico o casco vello fins de semana e festivos para alentar a economía local e buscando repetir os bos resultados e ambiente do verán

terrazas
terrazas

Liberar o casco histórico de vehículos foi un dos moitos factores que contribuíron a que Xinzo de Limia vivira un verán cun ambiente inusual nas rúas da zona de viños. A decisión do goberno local de restrinxir o acceso de coches no corazón da vila durante a fin de semana, sumado a que segue en vigor a exención da taxa pola instalación de terrazas na vía pública para apoiar ao sector, contribuíu a dinamizar a economía local.

A medida volverase a levar a cabo pola intensa actividade que se agarda nas próximas semanas, polas pontes e festivos de novembro e decembro, ademais das datas do Nadal. O obxectivo de restrinxir o acceso de coches ás rúas do casco vello durante as fins de semana e festivos, aplaudida pola hostalaría, é mostrar unha imaxe distinta do corazón da vila como espazo para o paseo e o terraceo, incrementando de forma notable o ambiente.

Os cortes de tráfico realizaranse, ao igual que sucedeu durante os meses de verán, dende o venres ás 18.00 horas ata o luns ás 7.00 horas.

Neste mesmo obxectivo de liberar o centro da vila para o uso público  encádrase o mantemento das feiras do 14 e o 27 no Toural, en lugar de na Praza Maior, onde se instalaban os postos de venta antes da pandemia. Para esta decisión foi determinante un informe da Policía Local, datado en xuño, no que se advirte que o cambio de localización dos postos da feira dende a Praza Maior ao Toural supuxo unha mellora en xeral, “tanto en seguridade para os peóns como para os vehículos”, ademais de “facilitar as tarefas dos feirantes”, que “moitos deles prefiren quedar na actual localización”. Igualmente, o informe recolle as queixas que antes se rexistraban por parte dos hostaleiros da Praza Maior porque “non podían colocar as terrazas”.

Con todo, o argumento principal do informe para propoñer o mantemento da feira no Toural é que se mellora a seguridade, se facilita a entrada e saída de vehículos de emerxencias nas rúas do casco histórico no caso de que sexa necesario o seu acceso e se limitan notablemente as aglomeracións que “facilitaban o roubo de carteiras”.

Tal e como se subliña dende o executivo local, ambas decisións están avaladas por informes técnicos e pensando sempre en mellorar a calidade de vida e a seguridade de todos e cada un dos veciños e veciñas de Xinzo de Limia.