Xinzo de Limia

Xinzo pon coto ás malas prácticas no uso dos contedores e na recollida dos excrementos das mascotas

Que as conductas incívicas duns poucos non empanen o esforzo de moitos veciños por manter as rúas limpas. Este é obxectivo do Concello de Xinzo de Limia, que xa conta cun catálogo de boas prácticas para manter as vías libres de lixo, pero que intensificará as súas campañas informativas para evitar que os malos hábitos se sigan reflexando nos espazos públicos. A alcaldesa, Elvira Lama, vén de publicar dous bandos nos que se volve a insistir na responsabilidade individual, tanto para o uso dos contedores como para a recollida dos excrementos de animais, e se recorda á cidadanía que as sancións por incumprir a normativa ascenden ata os 900 euros.

Máis en concreto, nos documentos que se acaban de facer públicos recórdase que existen franxas horarias para o depósito de residuos no interior dos contedores. Así, as fraccións de papel-cartón, vidro e envases lixeiros poderán depositarse en calquera horario, sempre que queden dentro do contedor. O resto, polo seu contido de materia orgánica e líquidos, non poderá depositarse nin antes das 20.00 horas nin despois das 3.00 horas. O lixo debe permanecer dentro dos recipientes e en bolsas pechadas, Só deste xeito minimizaranse as molestias ao resto dos usuarios.

Así o explica Elvira Lama: “O depósito de lixo a horas que non está permitido, unido a o depósito por fora dos contedores, están xerando unha falta de hixiene nas rúas e nos pobos. Este comportamento incívico perxudica a imaxe do pobo e aos veciños e veciñas que si cumpren coas boas prácticas”.

O incumprimento destas obrigas, no referente ao depósito de residuos, dará lugar ao inicio do expediente sancionador correspondente e á imposición de sancións que poden acadar ata os 900 euros. Que os donos de animais domésticos cumpran as normas no referente á recollida dos excrementos é outro dos obxectivos do Concello e no correspondente bando tamén se recorda que o incumprimento pode supoñer multas de ata 500 euros. Sobre este último punto tamén se pronunciou a rexedora: “Son numerosas os veciños e veciñas que se queixan deste problema, que degrada a imaxe da vila e pode por en perigo a saúde pública. Con esta medida esperamos que os propietarios se conciencien sobre as normas de convivencia e a obriga de recoller os excrementos das mascotas”.

Cómpre recordar que Xinzo de Limia conta cunha ordenanza de boas prácticas veciñais que contempla horarios para deixar o lixo, entre outras indicacións, pero as rúas non sempre locen libres de sucidade, polo que as campañas informativas pretenden cambiar esta imaxe.

Ademais destes bandos, o decálogo de boas prácticas recentemente elaborado inclúe recomendacións sobre o uso dos contedores, fomentando a reciclaxe e ofrecendo información sobre a mellor forma de separar os residuos. Do mesmo xeito, recordarase que existen recipientes específicos para pilas ou roupa, ademais da dirección ou o contacto do Punto Limpo. Activouse un novo número de teléfono para solicitar a retirada de voluminosos e nas redes sociais do Concello informouse sobre os horarios e os días nos que se poden depositar este tipo de residuos nestas instalacións. Será os mércores e xoves de 17.00 horas a 19.00 horas e o sábado de 10.00 a 14.00 horas.