Xinzo de Limia

Xinzo reivindicará o 8M desde os balcóns, con relatos breves e co lema “Todos os dereitos. Todas as mulleres. Todos os días”

WhatsApp Image 2021-03-02 at 22.07.39
Cartel do Concello de Xinzo para o 8M.

O Concello de Xinzo, coa primeira alcaldesa ao fronte da súa historia, non deixará pasar o 8M pese ás limitacións derivadas da pandemia. Iso si, será unha xornada de reivindicación da igualdade completamente distinta, que se trasladará esencialmente aos balcóns da vila en vez de desenrolarse nas prazas, como era habitual, ante a recomendación sanitaria de que non se leven a cabo manifestacións nin concentracións.

O Concello elixiu como lema conductor de todas as actividades “Todas as mulleres. Todos os dereitos. Todos os días”, que será o que figure no cartel oficial e que se divulgará a través de soportes físicos e  das redes sociais. Co mesmo lema, serán distribuídas entre a poboación centos de bandeirolas para colgar nas fiestras e balcóns o próximo luns, día 8.

Como ocorreu desde o inicio da pandemia, o Concello priorizará a protección da saúde, de ahí que os balcóns volverán a ser o principal espazo de reivindicación do 8M, como xa ocorrera durante o confinamento decretado fai un ano o máis recentemente no Entroido.

Ademais, dende a propia entidade local convocouse o primeiro certame de relato breve con motivo do Día Internacional da Muller, que tamén leva por título “Todos dos dereitos. Todas as mulleres. Todos os días”.

A convocatoria é aberta e as obras deben versar sobre o feminismo e a súa historia, o valor da igualdade e da non discriminación por razón de sexo, a axenda pendente das mulleres, as mulleres no mundo e as mulleres que fixeron e fan historia.

Os traballos deberán ser inéditos, escritos en galego, cunha linguaxe non sexista e cunha extensión que non deberá superar as dúas páxinas de letra arial de 12 puntos con entreliñado normal. O prazo de presentación rematará o 13 de marzo ás 23:59 horas, establecéndose dúas categorías: xuvenil (de 12 a 18 anos) e adulta (maiores de 18).

As bases poden se consultadas na páxina web do Concello de Xinzo de Limia ou ben a través das redes sociais municipais (facebook e twitter).

Tamén o Centro de Información á Muller (CIM) desenrolará un intenso programa divulgativo durante estes días con xornadas nos CEIPs e IES tanto de Xinzo de Limia como do resto da comarca.