Xinzo de Limia

Xinzo retoma o plan para sanear as árbores dos parques públicos, evitando riscos para a cidadanía

Que os veciños e veciñas de Xinzo de Limia desfruten os espazos ao aire libre que ofrece o concello dun xeito seguro. Este é o obxectivo do executivo local, que encargou un informe para examinar dun xeito exhaustivo as distintas especies arbóreas das zonas verdes. Seguindo as pautas dos expertos, a partir de mañá levarase a cabo a segunda fase do plan de saneamento coa retirada de exemplares nun deficiente estado de conservación e que supoñen un risco para a cidadanía no parque Pombal, Toural e Praza Xoán XXIII. Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo dos profesionais na materia, seguiranse a acometer as correspondentes accións de saneamento e mantemento.

Máis en concreto, no Parque Pombal, e segundo este informe, será preciso retirar tres salgueiros choróns e unha robinia pseudoacacia. No primeiro caso, recoméndase a substitución dos exemplares pola abeleira corylus colurna por adaptarse mellor ás condicións dun parque urbano de reducida dimensión. No caso da robinia, recoméndase non plantar ningunha especie leñosa no seu lugar ata transcorrido un período mínimo de 5 anos para evitar o posible contaxio por armilarea.

No Toural, as actuacións inmediatas son a retirada das árbores secas, por representar risco de caída e danos nos que están sans. No interior do conxunto hai un alerce bifurcado e será preciso eliminar unha das ramas. Tamén será preciso retirar un exemplar de cedro seco, ademais de sustentar os exemplares arredor do parque infantil. En canto aos pradairos da Praza Xoán XXIII, aínda que os exemplares non supoñen risco a curto prazo, recoméndase a substitución dos mesmos por outras árbores, de menor porte e que resistan as actuacións de poda.

Para levar a cabo esta segunda fase do plan de saneamento das zonas verdes adxudicáronse os traballos a unha empresa especializada por un importe de 2.758 euros. Ditos traballos inclúen a retirada e o tratamento dos residuos.

Nos últimos meses xa se procedeu a retirar diferentes árbores en mal estado emprazados na Alameda e que incluso supoñían un grave perigo ao existir risco de que se precipitasen en calquera momento sobre os paseantes.

Cómpre destacar que nos últimos tres anos, plantáronse nos espazos públicos de Xinzo de Limia preto de 200 árbores, no marco das actividades dos campamentos de verán, o Día da Árbore, o 25-N e o Obradoiro de Emprego.